A Coruña, 26 de novembro de 2024.- A docente da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, Susana Ladra, e a profesora da Área de Organización de Empresas, Ariadna Monje, acaban resultar galardoadas na primeira edición dos Premios RAGC-UIE, convocados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para investigadoras e investigadores novos. Estes galardóns nacen co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, recoñecendo aquelas traxectorias de persoal investigador que desenvolve a súa carreira profesional en centros da comunidade autónoma, contribuíndo así a impulsar o coñecemento científico como motor de progreso.
Os premios teñen tres categorías, segundo a área de coñecemento: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas. Así, Susana Ladra foi premiada cun accésit na categoría de Ciencias Básicas, e Ariadna Monje, co accésit en Ciencias Sociais.
Susana Ladra é profesora da UDC e membro do Grupo de Investigación Laboratorio de Bases de Datos na Facultade de Informática, ademais de ostentar na actualidade o cargo de adxunta en materia de Transferencia. A súa investigación céntrase no eido da compresión de datos, enfocando o seu traballo ao deseño de algoritmos e estruturas de datos aplicados á recuperación de información e en aplicacións multidisciplinares no campo da bioinformática. Liderou un proxecto europeo H2020 e varios proxectos nacionais e autonómicos, participando en numerosas accións de transferencia e de divulgación científica. Durante os últimos anos foi investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións -CITIC- da UDC, coordinando unha nova liña de investigación baseada no deseño de algoritmos eficientes e estruturas compactas para a análise bioinformática, en particular para a análise de Big Data xenómico.
Ariadna Monje é profesora da Universidade da Coruña e lidera diferentes grupos de traballo relacionados co emprendemento -en colaboración cos proxectos GEM en España- e co turismo, realizando tanto investigacións científicas como asesoría para distintas administracións. Publicou varios artigos científicos en revistas indexadas en Scopus e Web of Science e varios capítulos de libros. Realizou estadías de investigación nas universidades de Tesalónica (Grecia) e o King's College de Londres.
Ao certame, de carácter bienal, presentáronse 63 propostas e outorgáronse 3 premios e 4 accésits, que serán entregados nun acto que se celebrará no mes de decembro.
Foto: de esquerda a dereita, Susana Ladra e Ariadna Monje, investigadoras da UDC recoñecidas pola Real Academia Galega de Ciencias.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC