A Coruña, 10 de outubro de 2025.– O CITIC da Universidade da Coruña recoñeceu este venres os mellores proxectos de mozos e mozas investigadores na entrega de premios do Congreso XoveTIC 2025, co que se puxo fin á VIII edición do evento celebrado estes dous últimos días na Coruña, co apoio da Xunta de Galicia.
Os traballos premiados nesta edición abranguen unha ampla variedade de temas dentro da enxeñaría informática e das tecnoloxías emerxentes, incluíndo investigacións en ciberseguridade, co desenvolvemento de ferramentas para analizar vulnerabilidades en comunicacións IoT (Internet das Cousas), e en realidade virtual aplicada á inclusión, mediante contornos inmersivos que axudan a persoas con lesións medulares a adaptarse ao uso da cadeira de rodas ou a visualizar reformas de vivendas orientadas á accesibilidade.
Outros dos proxectos premiados abordan o impacto ético, xurídico e ambiental da intelixencia artificial, promovendo reflexións sobre algoritmos sustentables, así como o control de robots cuadrúpedes mediante interfaces inmersivas para operar en situacións de emerxencia. Tamén se destacaron liñas de traballo en aprendizaxe automática cuántica aplicada ao ámbito financeiro e no estudo de métodos de clasificación de datos complexos, combinando técnicas cuánticas e tradicionais, mesmo cando existen clases de datos moi desiguais, é dicir, cando algúns tipos de información son moito máis frecuentes ca outros.
O subdirector do CITIC, Javier Pereira Loureiro, acompañado de representantes das cátedras universitarias e entidades colaboradoras que patrocinan os galardóns, presidiu a entrega dos nove premios aos mellores traballos.
Premiados XoveTIC 2025
- Cátedra R – “Ao máis relevante no ámbito da seguridade, entendida esta en sentido amplo, tanto ciberseguridade en tecnoloxías da información e das comunicacións como temáticas de seguridade aplicada a outros ámbitos”:
- Cátedra NTT Data – “Ao máis relevante no ámbito da diversidade, economía social e promoción da igualdade”:
- ICACOR (Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña) – “Ao máis relevante no ámbito ético-xurídico”:
- Cátedra ALDABA – WIB (Women, ICT & Business) – “Ao traballo máis relevante liderado por unha muller como primeira autora”:
- ITG – ARQA – “Ao traballo máis relevante en tecnoloxía cuántica”:
- CPEIG – “Ao mellor traballo con primeiro autor estudante ou titulado/a en Enxeñaría Informática”:
- Clúster TIC Galicia – “Ao mellor póster”:
- Clúster TIC Galicia – “Á mellor comunicación oral”:
- Fundación CITIC de Galicia – “Ao máis relevante en investigación básica ou teórica”:
Innovación con impacto
Tras a entrega de premios, tivo lugar o acto de clausura do VIII Congreso XoveTIC, presidido por José Anta Álvarez, Adxunto de Transferencia da UDC, acompañado por Juan Ignacio Borrego Vázquez, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña; Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC; Elena Hernández Pereira, vicedecana de Relacións Institucionais da Facultade de Informática da UDC; e Andrés Sastre Portela, director de proxectos do Clúster TIC Galicia.
“É un orgullo para o CITIC recoñecer o talento e a dedicación dos nosos mozos e mozas investigadores, que demostran día a día que a innovación tecnolóxica pode ter un impacto real na sociedade”, afirmou Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC. “Proxectos como os premiados hoxe, que abranguen desde a ciberseguridade ata a intelixencia artificial aplicada e a realidade virtual inclusiva, reflicten a diversidade de áreas nas que o noso estudantado e doutorandos están a liderar avances significativos”.
Engadiu que “estes galardóns non só premian a excelencia científica, senón tamén o compromiso social de quen está a construír solucións tecnolóxicas responsables e sustentables, capaces de mellorar a vida das persoas e contribuír a un futuro máis inclusivo e seguro”.
Na súa intervención, os representantes institucionais coincidiron tamén en destacar o alto nivel científico e a proxección internacional do congreso, así como o papel clave do CITIC e da UDC como espazo de impulso ao talento novo e á transferencia de coñecemento.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas principais de investigación: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes, así como unha área transversal: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC