Derrota. Acción de vencer, someter e domear conceptos e materias. Ser vencida, asumir perdas e resignacións.
Arte como derrota. Un rumbo no horizonte. Esa ruta marcada polos obstáculos que agroman nos tránsitos creativos, nese deslizarse, se é preciso, da ruta marcada en orixe.
Eis a acepción de derrota onde situamos os procesos artísticos, articulacións do pensamento e da corporeidade, estruturas de aprendizaxe e exercicios de intercambio experienciais.
derrotas: formas de pensar é un proxecto expositivo situado nas interseccións entre os campos da arte e da educación que analiza paradigmas establecidos sobre as ensinanzas e as prácticas artísticas. Estamos ante unha exposición onde a perspectiva de xénero engade un necesario prisma sobre o binomio educación e creación artística.
As posibles relacións entre arte e educación están presentes nas artes visuais contemporáneas mais, cal é o espazo que ocupa a educación artística no contexto do sistema da arte? Onde se sitúan as institucións educativas regradas nestas relacións? Participa a educación doutros focos interdisciplinarios e colaborativos? Como podemos entender o espazo da aprendizaxe artística?
derrotas: formas de pensar tamén plantexa unha ollada descronolóxica á propia historia do espazo no que se insire a Sala Normal, da institución pedagóxica da Escola de Mestras de Maxisterio da Coruña que definiron o propósito deste edificio, ofrecendo unha serie de achegas analíticas desde distintos campos de actuación: a creación, a educación, a docencia e a mediación artística.
Para iso cóntase cos proxectos de artistas relacionados coa investigación nesa relación entre arte, educación e mediación artística que configurarán as nosas derrotas, eses horizontes conceptuais sobre o contexto, as formacións, os colectivos, as institucións e os campos de estudo relacionados coa educación artística.
As propostas de Jacobo Bugarín, Vicente Blanco e Salvador Cidrás, Silvia García e Carme Nogueira nesta exposición, están centradas nas relacións entre as estruturas e os suxeitos presentes na educación e na creación artística.
Natalia Poncela López
Documento: Queixa de alumnas da Escola Normal de Mestras da Coruña. 1879
Published by: Cultura