David Uzzell e Enrique Orts, novos Doutores Honoris Causa pola Universidade da Coruña

Press release
11/6/19 11:46 AM
  • Institutional

A Coruña, 6 de novembro de 2019.- O reitor, Julio Abalde, presidirá mañá, xoves, 7 de novembro, o acto académico de investidura como doutores Honoris Causa a David Lawrence Uzzell e a Enrique Orts Berenguer. A cerimonia terá lugar no Paraninfo da Universidade, na Reitoría (A Maestranza), ás 12:00 horas.

O profesor Ricardo García Mira será o encargado de ler a laudatio de David Uzzel que impartirá a súa primeira conferencia como Doutor Honoris Causa co título “Combater a crise climática: do cambio de comportamento á transformación social”.

No caso do profesor Enrique Orts Berenguer, primeiro decano da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, pronunciará a laudatio o profesor Carlos Martínez-Buján Pérez. O profesor Orts fará unhas “Reflexións a propósito da investidura como Doutor Honoris Causa pola UDC”

David Uzzell é psicólogo social e xeógrafo, catedrático de Psicoloxía na Universidade de Surrey, Reino Unido. Lidera un Grupo de Investigación en Psicoloxía Ambiental, actualmente é Profesor Visitante da Universidade de Umeå (Suecia). Foi Presidente da sociedade científica International Association for People-Environment Studies, así como representante da British Psychological Society na European Federation of Associations of Psychology.

A súa investigación inicial desenvolveuse na participación pública no proceso de planificación urbanística. Un segundo núcleo de contribucións teóricas tense centrado na conciencia das persoas sobre as actitudes e comportamentos en resposta á situación e entornos de risco e na vida en condicións de incertidume. As áreas investigadas incluíron a delincuencia en zonas urbanas e a configuración do transporte, o risco e a seguridade nos entornos recreativos, a percepción e a preocupación polo risco en contextos mineiros e enerxéticos. Un terceiro núcleo examinou o papel da identidade social e de lugar como unha variable que afecta ao fomento da acción ambiental.

Desde a dirección do Máster de psicoloxía ambiental na Universidade de Surrey, único en Europa, e do programa de doutoramento en psicoloxía aplicada, formou a xeracións de estudantes procedentes de máis de 40 países do mundo, tamén a investigadores da Universidade da Coruña que realizaron estadías de investigación no Departamento de Psicoloxía da Universidade de Surrey.

A relación do profesor David coa Universidade da Coruña comezou hai 22 anos, cunha visita á Facultade de Ciencias da Educación para impartir una conferencia. Desde entón, e durante todos estes anos veu colaborando con investigadores do Departamento de Psicoloxía da UDC, en investigación nacional e transnacional, sendo un asiduo visitante da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.

No período 2002-2005, e tras o afondimento do petroleiro Prestige colaborou coa investigación sobre o desastre do Prestige, coordinada polo Prof. Ricardo García Mira, integrándose no dispositivo de resposta á traxedia constituído na Reitoría da Universidade da Coruña e coordinado desde a Vicerreitoría de Investigación. No período 2006-2007 colaborou tamén con este grupo de investigación na Comisión de Comunicación Social, creada para analizar o impacto social dos incendios de 1996 en Galicia, coordinada polo Profesor Xosé Luis Barreiro Rivas, e constituída no ámbito do Consello da Cultura Galega.

Enrique Orts Berenguer é na actualidade catedrático emérito de Dereito Penal da Facultade de Dereito da Universidade de Valencia. Foi o primeiro decano da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, logo da segregación da Universidade de Santiago de Compostela.

Antes do seu traslado á UDC, foi vicedecano da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de director da Escola de Práctica Xurídica desta universidade. Despois do seu paso pola UDC, de volta á Universidade de Valencia onde se formou, ocupou os cargos de director do Departamento de Dereito Penal, Dereito Romano e Dereito Eclesiástico do Estado e de Director do Instituto de Criminoloxía, sendo, na actualidade membro do Comité de Bioética asistencial no Hospital Clínico Universitario de Valencia.

Toda a súa vida académica estivo dedicada en exclusiva á docencia e á investigación, en Dereito Penal pero tamén na disciplina de Criminoloxía, nas tres universidades coas que estivo vinculado: Valencia, USC e UDC. A súa actividade docente tivo unha parántese de dous anos ao ocupar a praza de Letrado do Tribunal Constitucional. O labor do profesor Orts na Universidade da Coruña, ata o seu regreso á Universidade de Valencia, foi decisiva para sentar as bases da Facultade de Dereito coruñesa; non só se ocupou de dirixir a actividade docente e investigadora senón que estableceu vínculos coa xudicatura, a fiscalía e o Colexio de Avogados da Coruña.

A estreita vinculación con Galicia do profesor Orts mantívose tras o seu regreso a Valencia como voceiro do Consello reitor da Academia Galega de Seguridade Pública da Xunta de Galicia e como avaliador externo da excelencia curricular docente e investigadora no ámbito xurídico-social, formando parte do Comité de asesores expertos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Segue asistindo con regularidade como profesor invitado nas tres universidades galegas, así como noutras institucións galegas como os diferentes Colexios de Avogados de Galicia, a Academia Galega de Seguridade Pública ou a Escola Galega de Administración Pública.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC