Coa entrega de diplomas, unha conferencia e unha xornada de visitas Coruña, remata a 3ª edición do programa da Universidade Sénior da UDC en Carballo

Press release

11/25/25 10:59 AM

  • Institutional

A Coruña, 25 de novembro de 2025.- Hoxe martes, día 25 de novembro, ás 19:00 horas, terá lugar no Forum Carballo o acto de clausura e entrega de diplomas da terceira edición do Programa de Democratización do Coñecemento, impulsado pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña e dirixido a persoas maiores de 50 anos do municipio. Nesta edición, preto de 100 participantes tomaron parte nesta iniciativa formativa.

A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, desenvolveu unha nova edición desta proposta educativa, financiada pola Xunta de Galicia e realizada en colaboración co Concello de Carballo. O programa tivo lugar no Forum durante os meses de outubro e novembro.

Un total de 115 persoas maiores de 50 anos inscribíronse para participar nesta edición, que concluirá o mércores 26 de novembro cunha xornada cultural na Coruña. Esta actividade inclúe visitas guiadas ao Castro de Elviña e ao Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, organizadas en quendas de mañá e tarde.

Hoxe martes, ás 18:00 horas, no propio Forum Carballo, terá lugar unha conferencia maxistral impartida pola profesora Isabel Raposo Vidal, baixo o título “Educación para la Salud desde el Ejercicio Terapéutico”. Ao remate, celebrarase o acto oficial de clausura e entrega de diplomas, que contará coa presenza da directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez; de Susana Iglesias Antelo, adxunta a dirección da Universidade Sénior; da concelleira de Educación e Terceira Idade, María Mar Eirís Villar; e do alcalde de Carballo, Daniel Pérez López.

Con este programa, a Universidade Sénior reafirma o seu compromiso de achegar a formación universitaria á cidadanía maior de Carballo, respondendo ás súas inquietudes e necesidades educativas dende a primeira edición do Programa de Democratización do Coñecemento no ano 2018.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC