Ciclo de performance X de Corpos Presentes

2/21/24 1:12 PM

  • Living arts

@decorspospresentes volve a NORMAL cun ciclo de mostras, encontros e formación arredor do corpo, o movemento e as artes performativas. Con artistas que apostan pola exploración das formas, os discursos comprometidos, a proximidade afectiva, os vínculos entre a biografía persoal e os relatos colectivos, e a relación entre vulnerabilidade e risco.

 

Programa:

- Mércores 28 de febreiro, 19:30h - Sala de exposicións de Normal. Entrada libre.

 Mostra RES ÍNTIMA de Irene Ducajú Mayans + Conversa posterior

"Empecei a bailar fuxindo do propio corpo. Interésame utilizar os lugares complexos da biografía como universos creativos. Interésame tamén, utilizar o detallado e matizado da vivencia persoal como base desde a cal propor e reivindicar. E tamén como oportunidade de dinamitar os lugares sacros dunha mesma.”

Irene Ducajú (Madrid, 2000). Bailarina e creadora multidisciplinar.

Res íntima. Parte I – Irene Ducajú Mayans – De corpos presentes

 

- Xoves 29 febreiro, de 17:00 a 18.30 h. - Sala Almacén de Normal. De balde con inscrición: cultura.coruna@udc.gal 

 Encontro "Abrir o círculo" con Alejandra Balboa

Alejandra Balboa, creadora e bailarina galega, compartirá as derivas de “Cando lle permito ao corpo aquilo que digo”, un proxecto de investigación artística sobre o sentido do gusto e o concepto degustación tanto no ámbito da creación artística como na propia linguaxe de movemento, explorando a boca como lugar desde o que florecer.

Alejandra Balboa é unha creadora, intérprete e pedagoga en danza graduada pola Escola Superior de Dança de Lisboa en 2015. En 2016 comeza a explorar o mundo da creación.

 

- Venres 1 de marzo, ás 19:30 h. Sala de exposicións de Normal. Entrada libre

Mostra CANDO LLE PERMITO AO CORPO AQUILO QUE DIGO de Alejandra Balboa e Pavel Amilcar

Alejandra Balboa e Pavel Amilcar entrelazan a danza contemporánea e a música barroca na súa proposta “Cando lle permito ao corpo aquilo que digo” . Un proxecto de investigación sobre o sentido do gusto e o concepto degustación tanto no ámbito da creación artística como na propia linguaxe de movemento, explorando a boca como lugar desde o que florecer.

Alejandra Balboa é unha creadora, intérprete e pedagoga en danza graduada pola Escola Superior de Dança de Lisboa en 2015. En 2016 comeza a explorar o mundo da creación. 

Pavel Amilcar, violín barroco. Estuda violín barroco en Barcelona na Escola Superior de Música de Catalunya, onde se titula baixo a cátedra de Manfredo Kraemer e Pablo Valetti. 

Cando lle permito ao corpo aquilo que digo – Alejandra Balboa e Pavel Amilcar – De corpos presentes

 

- mércores 20 de marzo, de 19:00 a 20.30 h. - Sala Almacén de Normal. De balde con inscrición: cultura.coruna@udc.gal 

 Encontro "Abrir o círculo" con Ánxela Blanco

Abriremos un diálogo sobre a acción artística en entornos sociocomunitarios, sobre a idea de refuxio que supón  a actividade creativa, sobre como a convivencia coas outras inspira procesos artísticos e de transformación… pero tamén axuda a falar e abordar conflictos, a pensar situacións difíciles dende novos lugares, imaxinar camiños diversos. Ademais, Ánxela Blanco compartirá as derivas do novo traballo que actualmente está a desenvolver xunto con Bea Rubio, baixo o suxerente título “Reikiavik”. Buscamos achegarnos ás múltiples facetas da práctica artística (fondamente ligada á vida) que desenvolve Ánxela Blanco, desde un espazo para a conversa próxima e fluida. “Arte para transformar corpos e comunidades”.

 

- xoves 21 de marzo, de 18:30 a 20:30 h.- Aula de Danza de Normal. De balde con inscrición: cultura.coruna@udc.gal 

Obradoiro - práctica de movemento con Elsa Pereira

Práctica de materiais para a composición instantánea (ou como facer da capa un saio improvisado)

"Para esta práctica farei unha proposta indecente: quixera compartir unha serie de códigos sobre os que investigo e que me inspiran á hora de improvisar, de arrincarme a bailar. Propoño unha actitude explorativa e unha serie de accións que nos ampararán cando improvisamos sen unha estrutura programada. Imos experimentar dende o xogo e activar o corpo a un espazo ‘deslimitado’, ou abrir as persianas á mirada externa. Como cando soa esa canción que de súpeto nos activa, imos guindarnos á danza.”

 

- venres 22 de marzo, ás 19:00 h. Sala de exposicións de Normal. Entrada libre

Mostra XAVIER A TRAVÉS DE MIN (Work in progress) de Félix Fernández

Proxecto de artes vivas de corte autobiográfico co que quero traer ao presente o legado inmaterial que o meu irmán, Xavier Fernández, me deixou en vida, e deixar ao descuberto todo o sedimento da vida do meu irmán en min. As principais ferramentas para vehicular este contido tan emocional son a danza, o espazo sonoro-musical, a voz, o texto e a instalación, que mesturadas proporciónannos unha experiencia vivencial moi próxima a un lugar de intimidade case confesional, onde atoparemos un espazo de liberación enerxético pouco habitual e no que poderemos ver o reflexo das nosas vidas. Xavier Fernández traballou ata a morte en relación á Consciencia, era psicólogo, criminólogo, investigador e psiconauta, profesor de ioga, de meditación, e tamén guía en procesos de procura interior.

XAVIER A TRAVÉS DE MIN (Work in progress) de Félix Fernández

 

 

Este programa conta co apoio da Deputación da Coruña @DACCultura a través das axudas a proxectos singulares de especial interese cultural.

https://decorpospresentes.gal

Logo Deputación

Published by: Cultura