COMUNICADO DAS REITORÍAS DAS UNIVERSIDADES PÚBLICAS GALEGAS SOBRE A PAU 2026  

Press release

6/9/26 1:33 PM

  • Institutional

 

Unha vez rematadas as probas da convocatoria ordinaria da PAU e analizadas as incidencias en dúas materias, así como as diferentes declaracións realizadas nestes días, a reitora e os reitores das tres Universidades públicas galegas queremos comunicar o seguinte:

 

  1. A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) é un órgano creado en 1993, que está integrado desde a súa creación por cadanseu/ cadansúa representante das tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e por tres membros designados pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, cunha participación equilibrada ao 50% entre as Universidades e a Xunta de Galicia. Tal e como recolle o DOG do 10 de novembro de 2025, é a propia Consellería a encargada do nomeamento dos membros da comisión conforme ao convenio vixente e á Orde do 24 de marzo de 2011, a normativa que regula a Proba de Acceso á Universidade (PAU).

 

  1. Desde a súa creación, a CiUG ten implantado un modelo que extrema as cautelas para garantir a confidencialidade dos exames e evitar filtracións, como as sucedidas en 1992 que deron lugar á repetición da proba. Este sistema baséase na elaboración de múltiples propostas de exame por parte dos grupos de traballo de cada materia, nos que participan tamén representantes designados pola Consellaría, así como profesorado de ensino secundario.

 

  1. Sobre o director ou directora de cada grupo de traballo recae a elaboración dos exercicios e é a única persoa que coñece as propostas de exame de esa materia que se remiten ao Tribunal Único, encargado de realizar o sorteo e seleccionar o exame definitivo. Este procedemento permitiu que máis de 500.000 estudantes realizasen as probas desde 1993 sen que se producise ningunha filtración.

 

  1. No ano 2024 aprobouse o Real decreto 534/2024, norma estatal que fai necesaria unha adaptación da orde autonómica pola que se rexen as Probas de Acceso á Universidade. Por tal motivo, as delegacións das universidades na CiUG remitiron o 28 de xuño de 2024 unha proposta de modificación da orde vixente ao representante da Consellería de Educación. Entre as cuestións achegadas destacaba a incorporación dunha segunda persoa na elaboración dos exames por cada materia, co obxectivo de minimizar posibles erros humanos e reforzar os mecanismos de revisión. Esta proposta foi trasladada de xeito formal e reiterada en distintas reunións, formais e informais, sen que se recibise resposta por parte da Consellaría.

 

  1. O modelo actual demostrou, ao longo de décadas, ser sólido, fiable e recoñecido como un referente no conxunto do Estado. Non obstante, a reitora e reitores das Universidades galegas consideramos necesario, ao igual que as persoas delegadas das universidades galegas na CiUG, avanzar na súa mellora para combinar a máxima seguridade na custodia das probas cun sistema máis robusto de revisión dos contidos.

 

  1. Neste sentido, as incidencias rexistradas nesta convocatoria poñen de manifesto a necesidade de actualizar a Orde de 2011 e incorporar as melloras xa propostas hai dous anos, coa fin de reducir o risco de erro humano.

 

  1. Somos conscientes da preocupación que xeraron as incidencias. Por iso, as nosas delegacións na CIUG foron as primeiras en facer autocrítica, analizando os erros e adoptando as medidas necesarias para evitar consecuencias negativas para o estudantado. Esa foi a nosa prioridade ao igual que o é conseguir que o proceso teña as máximas garantías ano tras ano.

 

Por último, cómpre subliñar que a organización da PAU é un proceso de grande complexidade no que participan máis de mil profesionais do ensino público galego e persoal de administración. A práctica totalidade dos grupos de traballo, así como o conxunto do profesorado e do persoal implicado (comisións delegadas, comisións de avaliación, etc.), desenvolveron o seu labor con total rigor e profesionalidade.

 

As Universidades galegas referendan a nova proposta que as persoas delegadas das Universidades Galegas na CiUG lle enviarán á Administración autonómica, co obxectivo de poder incorporar as novidades xa na seguinte convocatoria.

 

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC