CITIC: inspirando a futuras científicas

Press release

2/17/25 8:03 AM

  • Institutional
  • Investigadoras do Centro de Investigación en tecnoloxías da Información e as Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña comparten en primeira persoa a súa visión sobre o presente e futuro da presenza feminina en ciencia.

A Coruña, 14 de febreiro de 2025.- O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña e a Facultade de Informática da UDC celebraron o martes 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e a Nena e a Ciencia cun ciclo de charlas para estudantes. As investigadoras do CITIC da UDC Verónica Bolón Canedo, María Martínez Pérez, María José Martín Santamaría e Elena María Hernández Pereira foron as relatoras desta xornada pensada para estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.

O obxectivo do ciclo “Directo 11F: Conecta con mulleres en informática” é promover a participación das mulleres na ciencia e visibilizar o seu traballo. Por iso, tres das investigadoras do CITIC dannos a coñecer a súa visión sobre o presente e o futuro feminino na tecnoloxía.

 

A motivación: por que dedicarse á investigación tecnolóxica?

Para María Martínez Pérez, o seu camiño na investigación comezou en 2008, cando participou en proxectos financiados polo Instituto de Saúde Carlos III no Hospital da Coruña. O seu traballo centrouse no seguimento de pacientes e medicamentos utilizando tecnoloxía RFID (identificación por radiofrecuencia), o que permitiu minimizar eventos adversos e aumentar a seguridade en contornas clínicas. Esta experiencia definiu a súa liña de investigación actual: a integración de tecnoloxías IoT (Internet das Cousas) en diversas contornas.

Verónica Bolón Canedo descubriu a súa paixón pola investigación durante o seu proxecto de fin de carreira en Enxeñaría Informática. Aínda que inicialmente non tiña unha vocación clara, sentiuse atraída pola posibilidade de usar a tecnoloxía para resolver problemas complexos. Hoxe, o seu traballo enfócase no desenvolvemento de algoritmos de intelixencia artificial máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.

María José Martín Santamaría sempre tivo unha curiosidade innata pola tecnoloxía. Desde pequena, desarmaba os seus xoguetes electrónicos para entender como funcionaban. Aínda que non sempre lograba volver armalos, esa curiosidade levouna a estudar e doutorarse en Física e, posteriormente, a dedicarse á investigación en computación cuántica, un campo que combina a súa formación en física coa súa experiencia en informática.

Elena Hernández Pereira sempre quixo ser informática e a súa curiosidade por ver que se podía conseguir con ela, levouna á súa carreira investigadora. Esta carreira comezou coa aplicación da intelixencia artificial á medicina e hoxe os seus campos de aplicación son moi diversos.

 

A evolución da presenza feminina en tecnoloxía

As investigadoras do CITIC coinciden en que, aínda que houbo avances, a presenza feminina en tecnoloxía segue sendo baixa. María José Martín Santamaría engade que é fundamental atraer a máis mulleres a estas disciplinas. "Se non logramos que máis mulleres se sumen, estamos a perder unha enorme cantidade de talento", afirma. Verónica Bolón Canedo sinala que, nos últimos 20 anos, non se produciu un cambio significativo na porcentaxe de mulleres matriculadas en carreiras tecnolóxicas.

Con todo, as catro investigadoras teñen unha mensaxe clara para as nenas e novas interesadas neste campo. "A nosa perspectiva como mulleres é valiosa e achega moito á ciencia e á tecnoloxía", afirma María Martínez.

Verónica Bolón destaca a importancia de que as mulleres participen no desenvolvemento tecnolóxico para que as súas necesidades tamén sexan tidas en conta. "A tecnoloxía vai influír moito nas nosas vidas, e é crucial que as mulleres esteamos presentes na súa creación", sinala.

María José Martín Santamaría lémbralles que, aínda que o ámbito tecnolóxico segue sendo maioritariamente masculino, hai espazo para todas. "Se lles interesa, que vaian a por iso. Hai temas apaixonantes por descubrir e talento que merece ser desenvolvido", conclúe.

 

A divulgación científica, unha peza clave

As catro investigadoras coinciden na importancia de xornadas como a do MUNCYT para achegar a ciencia e a tecnoloxía ao público xeral. María Martínez Pérez destaca que estes espazos favorecen a difusión do coñecemento e axudan a espertar vocacións científicas.

Verónica Bolón Canedo engade que a divulgación é clave para que a sociedade comprenda a necesidade de investir en ciencia e tecnoloxía. "É fundamental mostrar referentes femininos e demostrar que as mulleres tamén poden facer contribucións extraordinarias nestes campos", afirma.

María José Martín Santamaría subliña a importancia de iniciativas como as charlas de divulgación científica e programas como Inspira STEAM (liderado polo CITIC en Galicia), que buscan incentivar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o estudantado de primaria.

Elena Hernández Pereira engade que o feito de poder relatar aquilo que che apaixona é moi satisfactorio e ademais ten un impacto positivo no público xeral.

 

Próximos proxectos e o futuro da investigación

María Martínez Pérez continúa traballando na integración de tecnoloxía RFID en diversas contornas, como por exemplo a xestión de explotacións gandeiras, ou no sector sanitario, como a obtención de trazabilidade de pacientes en residencias de maiores. Ademais, forma parte do proxecto Talentos Inclusivos, que busca fomentar a inclusión social desde o ámbito científico.

Verónica Bolón Canedo está enfocada no desenvolvemento de algoritmos de intelixencia artificial máis eficientes e sostibles, co obxectivo de reducir o seu impacto ambiental.

María José Martín Santamaría, pola súa banda, está a traballar no campo da computación cuántica, unha área cun enorme potencial de desenvolvemento que combina a física e a informática.

Elena Hernández Pereira traballa na intelixencia artificial frugal, para o desenvolvemento de algoritmos en contornas con recursos limitados.

As historias das catro investigadoras son un testemuño do talento e a dedicación das mulleres na investigación tecnolóxica. Aínda que queda moito por facer para lograr unha maior igualdade de xénero neste ámbito, o seu traballo e o seu compromiso coa divulgación e a inclusión son un exemplo inspirador para as futuras xeracións.

 

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro Excelente e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora”.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC