Aprobado por unanimidade o manifesto "UDC por Palestina" no Consello de Goberno da UDC celebrado o 26 de xuño de 2024

6/27/24 10:07 AM

manifesto UDC por Palestina

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou onte 26 de xuño, por unanimidade, o manifesto “UDC por Palestina”, un documento no que se levaba traballando nas últimas semanas a través dunha comisión composta por representantes do equipo de Goberno, da rede UDCxPalestina e do estudantado acampado.

Tras a aprobación en decembro de 2023  dun comunicado oficial por parte do Consello de Goberno, que demandaba o alto ao fogo inmediato, así como que Israel cumprira as resolucións da ONU, a retirada dos territorios ocupados e o apoio activo á Corte Penal Internacional para investigar os crimes de guerra e de lesa humanidade cometidos en Palestina, ante o agravamento da violencia e a persistencia xenocida de Israel, o Consello de Goberno da UDC aprobou hoxe este manifesto que consta dos seguintes 6 puntos:

  1. A UDC recoñece publicamente que a violencia extrema que exerce Israel contra o pobo palestino é un xenocidio. Esixe o cesamento da violencia de modo inmediato e permanente e que se facilite a axuda humanitaria. Reclama o respecto aos dereitos humanos e de autodeterminación do pobo palestino. E rexeita a destrución das institucións de coñecemento de Palestina. 
  2. A UDC creará unha comisión que analice e faga públicas as colaboracións que manteña con empresas, universidades, institutos, centros de investigación e institucións públicas israelís. Informará aos grupos de investigación da UDC sobre as medidas que cómpre tomar, así como da negativa de apoio institucional da UDC a todo proxecto ou contrato con elas. Non participará en ningún acto académico nin institucional en que estean presentes. E promoverá a elaboración dun código de boas prácticas en investigación, amais da revisión do Código Ético da Investigación da UDC para impedir a promoción ou apoio ás situacións de xenocidio e apartheid, e nomeadamente para rexeitar a colaboración con institucións que exerzan violencia sobre o pobo palestino. 
  3. A UDC instará ás autoridades pertinentes a revisaren as relacións diplomáticas con Israel e a suspenderen o Acordo de Asociación UE-Israel. A UDC promoverá nas universidades do SUG unha iniciativa para solicitarlle á CRUE, á Xunta de Galicia, ao Goberno estatal e á Comisión Europea o bloqueo da participación de institucións israelís en proxectos financiados por fondos europeos, comprometéndose a non asinar novos acordos con entidades públicas ou privadas que colaboren ou favorezan, directa o indirectamente, o xenocidio do pobo palestino. 
  4. Tomando como exemplo a iniciativa Rebuilding Hope da Universidade de Birzeit, a UDC comprométese a promover a comunicación coas universidades palestinas para coñecer as súas necesidades e as da súa comunidade. Comprométese a apoiar accións que favorezan a captación de recursos para recuperar as infraestruturas universitarias palestinas. Comprométese a impulsar a colaboración interbibliotecaria coas universidades palestinas para paliar os danos irreversibles provocados pola destrución das bibliotecas. Comprométese a favorecer a aprendizaxe telemática do estudantado de Palestina, co-supervisar os traballos académicos e ofrecer apoio psicolóxico e social na medida das súas posibilidades. E comprométese a formalizar convenios bilaterais que permitan a colaboración académica e investigadora entre as universidades palestinas e a UDC. 
  5. A UDC promoverá accións de visibilización dos elementos culturais palestinos e da historia contemporánea de Palestina (bandeiras de Palestina, exposicións temáticas, charlas, obradoiros, proxeccións de documentais…)
  6. A UDC impulsará a creación dunha Cátedra por Palestina, que promoverá o estudo e a conservación da cultura dunha comunidade ameazada; promoverá investigacións transformadoras que permitan resolver dilemas suscitados pola violencia; procurará favorecer a reconstrución social, cultural e ecolóxica de Palestina; e poderá ampliar os seus eidos de estudo ás resistencias anticoloniais, incluíndo a perspectiva educativo/formativa en dereitos humanos e xustiza en relación cos pobos esquecidos.

 

Deste xeito, a UDC asume este manifesto poñendo en valor a defensa dos dereitos humanos e o rexeitamento ás agresións altamente violentas e de lesa humanidade. A comisión redactora do mesmo será a encargada de facer o seguimento das medidas.

 

Published by: Oficina de Cooperación e Voluntariado