A Coruña, 7 de xullo de 2021.- A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, declarou esta mañá no Campus de Elviña o apoio do seu partido ao proxecto da Universidade da Coruña Cidade das TIC do que asegurou que “é unha aposta moi valente e é unha aposta de país”.
Pontón realizou estas declaracións no transcurso dunha visita efectuada aos centros de investigación da Universidade da Coruña no Campus de Elviña. A portavoz nacionalista, acompañada por outros representantes parlamentarios, percorreu o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC); o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA); e o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), xunto co vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, a coordinadora do Campus Innova, Susana Ladra, e os directores dos centros de investigación, Manuel González Penedo, Jaime Rodríguez, e Juan Rabuñal, respectivamente.
Salvador Naya agradeceu a visita do grupo parlamentario “porque é moi importante que os políticos coñezan a realidade da investigación que se fai na Universidade da Coruña, así como coñecer os nosos campus de especialización, Campus Innova e Campus Sustentabilidade, e aos investigadores e as súas necesidades”. “Na UDC estamos sempre abertos a colaborar e mellorar, así como a dar a coñecer os nosos centros de investigación tan valiosos”, rematou.
Pola súa banda, Ana Pontón avogou por establecer un Pacto pola ciencia e a investigación no que aumente o investimento ata o 2,5% do PIB, desde unha porcentaxe actual segundo dixo a nacionalista por debaixo do 1%, o que situaría a Galicia na media europea. Así mesmo, apuntou a necesidade da definición dunha carreira investigadora que acabe coa precariedade e propuxo a creación dunha institución específica de investigación galega á que denominou Innogal, semellante ás existentes en Cataluña e País Vasco, Icrea e Innobasque, respectivamente.
Foto: Un momento da visita da portavoz nacionalista, Ana Pontón, ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC