A Coruña, 11 de marzo de 2024.- A investigadora do Centro de Investigación en tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia artificial da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, ingresou o pasado 6 de marzo oficialmente na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais (RAC).
“IA verde e responsable” foi o tema elixido pola investigadora no acto de investidura como académica correspondente. Nas súas palabras, destacou a influencia da intelixencia artificial (IA) na sociedade contemporánea, comparándoa coa revolución que supuxo a electricidade no seu momento. Subliñou que a IA está a transformar a maneira en que as persoas se relacionan, mencionando exemplos cotiáns como o uso de caixas automáticas en lugar de interactuar con persoas durante as compras. Amparo Alonso destacou a importancia de recoñecer que a intelixencia artificial é simplemente unha ferramenta e subliñou a responsabilidade da sociedade no seu correcto uso.
Un dos aspectos que destacou a investigadora do CITIC durante a súa intervención foi o panorama xeopolítico actual no desenvolvemento da IA. China encabeza o investimento neste campo, seguida dos Estados Unidos, que alberga ás principais empresas do sector. En contraste, Europa, situada en terceiro lugar, mostra unha maior preocupación por unha intelixencia artificial ao servizo da cidadanía e avoga pola súa regulación.
A cerimonia de ingreso contou coa presenza de distinguidas personalidades, entre elas Asunción Gómez-Pérez, vicerreitora de Investigación da Universidade Politécnica de Madrid e académica da Real Academia da Lingua (RAE), así como Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña.
Amparo Alonso uniuse á sección de ciencias exactas da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, sendo proposta polos académicos Enrique Castillo, José Bonet e José Duato. A súa incorporación destaca a súa relevancia e contribución ao campo da intelixencia artificial e o seu compromiso cun desenvolvemento sostible e responsable desta tecnoloxía.
A presenza de mulleres na RAC
A Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais tivo, desde a súa creación no 1847, un total de 1066 académicos, dos que só 45 foron mulleres. Isto representa unha porcentaxe do 4%. Sen embargo, entre os anos 2000 e 2020, as mulleres acadaron o 9% das novas incorporacións; e coa entrada en vigor dos novos estatutos no ano 2020, os cales recollen o compromiso de acadar un mellor equilibrio de xénero, os nomeamentos de mulleres superan o 28%.
Un dato salientable é que de entre estas 45 mulleres académicas da RAC, tres delas son profesoras da UDC: María Antonia Señarís, do Departamento de Química, Verónica Bolón e a propia Amparo Alonso, ambas as dúas do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información.
Amparo Alonso
É licenciada en Enxeñaría Química na especialidade de Química Industrial (1984), doutora en Ciencias Físicas con premio extraordinario pola USC (1988) e catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña (desde 2002). Realizou estadías posdoutorais no Medical College de Georgia (EE.UU.) e no 1990 incorporouse como profesora na UDC.
Durante a súa traxectoria levou a cabo numerosos proxectos de investigación e puxo en marcha o grupo LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial), do CITIC. Dirixiu 10 teses de doutoramento sobre IA, modelos de razoamento e enxeñaría do coñecemento. Participou en 48 proxectos de investigación financiados, en 21 deles como investigadora principal; e en 20 contratos de investigación de especial relevancia con empresas e administracións, sendo a principal responsable en 13.
É vogal do Pleno da Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNEAI) desde o ano 2021, membro do Consello Asesor de Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e membro do grupo de Traballo sobre o papel da Estatística oficial na Administración e Xestión de Datos do Consello Superior de Estatística desde 2020, e tamén membro de Resérvea List do Grupo de Alto Nivel de Expertos Europeos en Intelixencia Artificial desde o 2018. Forma parte do Grupo de Traballo en Intelixencia Artificial do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, para realizar un borrador dunha Estratexia Española de Intelixencia Artificial e presidiu a Asociación Española de Intelixencia Artificial entre os anos 2013 e 2021.
Conta con máis de cen publicacións en revistas nacionais e internacionais, e é autora de 28 libros ou capítulos de libros e 181 publicacións en Congresos.
No ano 1998 recibiu o Premio Women in Science da Fundación L’Oréal-UNESCO, sendo a primeira española en recibilo. No ano 2019 concedéronlle o Premio Galicia TIC e no 2020 o Premio María Josefa Wonenburger Planells como recoñecemento á súa traxectoria profesional. No 2020 o Grupo Correo Gallego entregoulle o Premio Galega do ano e tamén recibeu o Premio “Muller e Ciencia 2021”, de Women CEO.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC