A Coruña, 21 de marzo de 2024.- O salón nobre do Pazo de Fonseca en Santiago de Compostela acolleu onte o acto de entrega da IV Edición do Premio da Valedora do Pobo aos mellores Traballos de Fin de Grao (TFG) e de Fin de Máster (TFM) en materia de igualdade, o cal estivo marcado pola lembranza da traxedia que acontecía en Ribeira, onde unha muller era asasinada o pasado martes, presuntamente pola súa exparella. Os premios recoñecen os traballos que destacan polo seu valor en materia de igualdade e dereitos das mulleres.
Asistiron ao acto, ademáis da Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz; a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez Suárez; e a conselleira de Emprego e Igualdade, Elena Rivó López. Todos eles felicitaron ás premiadas, alén de manifestar a súa repulsa polo crime.
A alumna da Universidade da Coruña, Teresa Búa Zache, recolleu o seu premio como gañadora na categoría de Traballo Fin de Máster polo seu traballo “Lexislar e Xulgar desde a perspectiva de xénero: especial referencia ao ámbito do dereito penal e aos delitos sexuais”. Teresa Búa manifestou no seu discurso que “a perspectiva de xénero serve para detectar situacións discriminatorias para as mulleres, e que pretende transformar a sociedade e modificar as condicións sociais que provocan a submisión da muller”. O obxectivo do seu traballo – explica -, é a necesidade de que se escoite ás mulleres, necesítase unha igualdade real e efectiva e novas formas de lexislar e xulgar.
Pola súa banda, Coral Carballedo Roca, estudante da USC e gañadora do premio ao mellor traballo Fin de Grao baixo o título “Violencia de Xénero. Impacto das ordes de protección e do proceso xudicial no benestar psicolóxico das vítimas”, puxo en valor na súa intervención o labor da psicoloxía xurídica. Xustifica a investigación do seu traballo “nesa constante procura polo benestar das vítimas, en especial as que sofren violencia de xénero”. Nela corrobora como determinadas variables, como o apoio social, mitigan a tensión postraumática que en moitos casos as acompaña.
No acto tamén estiveron presentes o conselleiro Maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro; O presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez; a secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais, Cristina Fabeiro; a secretaria Xeral de Igualdade, Sandra Vázquez; e representantes parlamentarios, ademais das directoras dos traballos premiados, representantes da comunidade universitaria, da institución da Valedora do Pobo, e das familias das premiadas.
A resolución dos premios da Valedora do Pobo fíxose pública o día 20 de febreiro, e consisten nunha dotación económica de 1000€ e un diploma acreditativo para ambas as dúas categorías.
Foto 1: de esquerda a dereita, a secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais, Cristina Fabeiro; a secretaria Xeral da Igualdade, Sandra Vázquez; a representante parlamentaria do PSdeG-PSOE, Patricia Rey; a representante do BNG, Montserrat Prado; a conselleira de Emprego e Igualdade, Elena Rivó; a Valedora do Pobo, Dolores Fernández; a alumna da UDC, Teresa Búa; a alumna da USC, Coral Carballedo; a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez; a coordinadora de Igualdade da USC, Marta Pérez; a directora do traballo de Coral Carballedo, Mercedes Novo; e a directora do traballo de Teresa Búa, Eva María Souto.
Foto 2: de esquerda a dereita, secretaria Xeral de Igualdade, Sandra Vázquez; o reitor da UDC, Ricardo Cao; a estudante da USC, Coral Carballedo; a conselleira de Emprego e Igualdade, Elena Rivó; o reitor da USC, Antonio López, a Valedora do Pobo, Dolores Fernández; a estudante da UDC, Teresa Búa; a directora da Unidade de Igualdade da uVigo, Águeda Gómez.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC