A Universidade da Coruña oferta máis de 80 charlas divulgativas aos centros de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior de Galicia

Press release
2/23/21 1:16 PM
  • Institutional

A Coruña, 23 de febreiro de 2021.- Un total de 45 profesores da Universidade da Coruña ofertan de maneira voluntaria máis de 80 charlas e obradoiros divulgativos para este curso 2020-2021 aos centros de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior de Galicia.

A oferta, promovida pola Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Empregabilidade, será fundamentalmente en liña aínda que conta tamén con algunhas accións presenciais.

As charlas abranguen campos tan diversos como as artes e humanidades, as ciencias, as ciencias da saúde, as ciencias sociais e xurídicas ou a enxeñaría e arquitectura.

Tras títulos que esperan espertar o interese dos centros como “Plant wars: o espertar da forza”, “Os pementos de Padrón, uns pican e outros non”, “Quen sabe se mañá estaremos aquí!” ou “O Mago de OZ, un conto de finanzas”, os alumnos e alumnas poderán coñecer temas tan diversos como a historia do planeta, a emerxencia climática, a diversidade funcional, a impresión 3D, o feminismo, os fondos europeos, a innovación e a estratexia dixital, os mercados financeiros, a nanotecnoloxía, a intelixencia artificial, as aplicacións matemáticas e moitos máis.

Toda a oferta e a información sobre as actividades, así como o contacto do responsable de cada unha delas, pode atoparse na páxina web da UDC, na seguinte ligazón: https://www.udc.es/es/futuros_estudantes/orientadores/divulgacion-cientifica/

Os centros poderán solicitar até un máximo de cinco actividades en total e para facelo deberán dirixirse por correo electrónico á persoa responsable de cada unha das charlas. Así mesmo, se teñen calquera consulta poden facela a través do correo electrónico sape.difusion@udc.es.

Foto: imaxe de arquivo dunha charla divulgativa impartida polo profesor de Dereito Marcos López.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC