A Universidade da Coruña mellora posicións no ránking mundial de medioambiente e no nacional de transparencia universitaria

Press release
12/9/19 10:54 AM
  • Institutional

• A UDC é a terceira universidade de España e a 85 do mundo no ránking GreenMetric. • Quinta universidade máis transparente do Sistema Universitario Español.

A Coruña, 9 de decembro de 2019.- O GreenMetric World University Ranking sitúa á Universidade da Coruña no terceiro posto a nivel nacional, subindo catro posicións con respecto ao ano anterior, e na posición 85 de 780 institucións mundiais, subindo oito postos.

O GreenMetric World University Ranking é unha iniciativa da Universidade de Indonesia que se realizou por primeira vez en 2010. O obxectivo deste ránking é proporcionar unha clasificación atendendo ás políticas relacionadas co medio ambiente (loita contra o cambio climático mundial, conservación da enerxía e a auga, reciclaxe de residuos…) nas universidades de todo o mundo.

A boa posición da Universidade da Coruña neste ránking débese, sobre todo, ao labor desenvolvido desde a Oficina de Medio Ambiente da UDC que ten como eixos principais de traballo a xestión ambiental, por un lado, e a sensibilización e participación da comunidade universitaria nas cuestión relacionadas co medio ambiente, por outro.

 

Transparencia universitaria

Ademais deste ránking medioambiental, estes días fíxose público o resultado de dous ránkings que avalían a transparencia universitaria.

No ránking Dyntra, a UDC sitúase como a sétima universidade máis transparente do Sistema Universitario Español (SUE), subindo desde a posición 23 do ano pasado.

Dyntra é unha plataforma colaborativa que estuda a transparencia á hora da publicación de datos nas webs das distintas organizacións. No caso das universidades, o estudo consta de 137 indicadores divididos en cinco grandes áreas: Transparencia Institucional, Comunicación Pública, Participación e Colaboración Cidadán, Transparencia Económico-Financeira e Contratacións de Servizos. Na actualidade, inclúe 79 universidades do SUE das que 50 son públicas.

Na listaxe que manexa a Fundación Compromiso y Transparencia, a Universidade da Coruña está dentro do grupo de universidades transparentes do SUE ocupando o posto 5.

A Fundación Compromiso y Transparencia constituíuse no ano 2007 por un grupo de profesionais procedentes do mundo da empresa, a academia e o sector non lucrativo para impulsar o bo goberno, a transparencia, a rendición de contas e o impacto social das institucións. O estudo consta de varios indicadores divididos en dez grandes áreas: Plan Estratéxico, Persoal, Políticas e Goberno, Consello Social, Entidades Dependentes, Oferta e Demanda Académica, Persoal Docente e Investigador, Alumnos, Información Económica e Resultados. Nesta última edición avaliáronse 49 universidades públicas do SUE.

Máis información: https://www.udc.gal/gl/transparencia/rankings/index.html

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC