A Coruña, 23 de maio de 2025.- Coincidindo coa reunión da Unidade de Muller e Ciencia promovido pola Xunta de Galicia, acaba de facerse efectiva a incorporación como vogais das docentes e investigadoras da UDC Susana Ladra e Ana Jesús López na Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, unha iniciativa promovida polo goberno autonómico que pretende ser órgano colexiado de asesoramento en materia de igualdade na ciencia e a tecnoloxía en Galicia.
No caso de Ana Jesús López Díaz, docente da área de Enxeñaría mecánica e investigadora no Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) do CITENI, o seu papel será o de experta no ámbito científico e tecnolóxico, a proposta pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Pola súa banda, Susana Ladra Gónzalez, docente da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos e investigadora no Laboratorio de Bases de Datos (LBD) do CITIC, entra como experta no ámbito científico e tecnolóxico baixo proposta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Ambas as dúas investigadoras valoran moi positivamente a súa entrada neste órgano de asesoramento, posto que poderán ofrecer o seu apoio e experiencia para contribuír ao impulso da presenza feminina na ciencia, en especial naquelas disciplinas tradicionalmente masculinizadas.
A Unidade de Muller e Ciencia de Galicia
A Unidade Muller e Ciencia de Galicia foi creada pola Xunta de Galicia coa finalidade de dinamizar e transformar a ciencia e a tecnoloxía galegas dende a perspectiva de xénero, co obxectivo de promover a igualdade entre mulleres e homes neste ámbito, rachando cos estereotipos de xénero.
Resulta prioritario deseñar e promocionar políticas científicas, tecnolóxicas, educativas e sociais co obxectivo de corrixir os desequilibrios entre investigadoras e investigadores, posto que unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica coa achega doutras perspectivas.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC