A Universidade da Coruña elixe mañá novo Reitor con voto electrónico

Press release
12/3/19 2:34 PM
  • Institutional

A Coruña, 3 de decembro de 2019.- O profesorado, estudantado e persoal da administración e servizos da Universidade da Coruña elixe mañá mércores, 4 de decembro, o seu Reitor para os próximos catro anos.

A votación será a través de voto electrónico en horario de 10:00 a 19:00 horas. Os votantes elixirán entre os candidatos Julio Ernesto Abalde Alonso e Fernando Martínez Abella.

 

Ao remate do escrutinio, aproximadamente ás 19:15 horas, o Secretario Xeral da UDC, Carlos Aymerich, comparecerá na Sala de Prensa da Reitoría (A Maestranza) para dar conta do resultado aos medios de comunicación. Intervirá logo o candidato gañador.

 

Están chamadas a votar un total de 18.245 persoas, das que 836 son do sector de Profesorado Doutor con vinculación permanente; 15.886 son do Estudantado; 722, de restantes categorías de Persoal Docente Investigador; e 801 do Persoal de Administración e Servizos.

O voto é ponderado coas seguintes porcentaxes:

  • 51% para o sector de Profesorado Doutor con vinculación permanente.
  • 28% para o Estudantado.
  • 12% restantes categorías de Persoal Docente Investigador.
  • 9% correspondente ao Persoal de Administración e Servizos.

A participación nas eleccións a Reitor tanto no sector de profesorado como de persoal administrativo é moi elevada, non así no caso do estudantado en que a media da participación nas universidades españolas é sobre o 10%. No caso das eleccións a Reitor na UDC en 2015 a participación alcanzou o 94% no sector de PDI doutor con vinculación permanente; o 76% nas restantes categorías de PDI; o 27% entre o Estudantado e o 88% no caso do Persoal de Administración e Servizos.

As votacións efectuaranse a través da plataforma e-voto, dispoñible para as tres universidades galegas e que conta co apoio da Xunta de Galicia como unha das iniciativas de impulso da administración electrónica. As Universidades do Sistema Universitario de Galicia elixiron a plataforma proporcionada por Scytl Secure Electronic Voting (Scytl), empresa que conta con preto de vinte anos de experiencia en Investigación e Desenvolvemento no campo do voto electrónico. Esta empresa está recoñecida como líder mundial en implementación de solucións de voto electrónico seguro en Europa, América e Asia-Pacífico, que destacan como referencias de éxito no sector do voto electrónico. Esta tecnoloxía patentada obtivo tamén importantes recoñecementos e premios internacionais.

Máis información:

https://www.udc.gal/gl/goberno/equipo_reitoral/secretaria/documentos/eleccions/reitoria-2019/

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC