A Universidade da Coruña e o Complexo Industrial de Repsol colaboran nun proxecto para o control dunha especie invasora en Oleiros

Press release

12/17/24 11:47 AM

  • Institutional
  • A iniciativa, financiada polo Complexo Industrial de Repsol, será desenvolvida polos docentes da UDC María José Servia e Jaime Fagúndez. 
  • Repsol apoia esta investigación que responde á protección da biodiversidade, enmarcada no seu compromiso coa contorna e dentro do cumprimento dos ODS.

A Coruña, 17 de decembro de 2024.- A Universidade da Coruña e o Complexo Industrial de Repsol na Coruña acaban de asinar un convenio de colaboración polo que a entidade académica desenvolverá un traballo de investigación dirixido a controlar a Helichrysum petiolare, planta invasora presente na costa de Dexo, no Concello de Oleiros.

Ao abeiro deste acordo, o equipo de investigación dirixido por María José Servia e Jaime Fagúndez, investigadores e docentes na UDC, desenvolverán unha monitorización e seguimento da eficacia das medidas de control desenvolvidas polo Concello de Oleiros para controlar esta especie invasora.

Así o explicaron ambos os dous investigadores nunha visita á zona da contorna do Faro de Mera. Nela estiveron a directora do Complexo Industrial, Natalia Barreiro; a concelleira de Deportes, Turismo, Promoción Económica e Formación e Emprego de Oleiros, Teresa Vázquez; o concelleiro de Obras Públicas e Medio Ambiente, Servizos Municipais, e Parques e Xardíns, Antonio Molinos e a adxunta de Investigación da UDC, Amalia Jácome; acompañados de técnicos municipais.

O obxectivo deste proxecto, tal e como indican Servia e Fagúndez, é medir a eficacia das diferentes alternativas de control e mellorar o coñecemento sobre rexeneración e reprodución da especie. Un ensaio que consiste na reprodución a pequena escala do control manual ou mecanizado, medindo a presenza, a cobertura e biomasa da especie invasora, e o seu efecto sobre a comunidade nativa e as condicións do solo.

A Helichrysum petiolare é unha planta arbustiva orixinaria de Sudáfrica que se atopa en varios lugares da costa coruñesa. Aínda que se coñece a súa presenza desde os anos 70, a súa rápida expansión neste século convértea nunha das que provocan unha maior preocupación nestas áreas, dado o risco que supón para a biodiversidade .

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC