A Coruña, 8 de febreiro de 2024.- O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, vén de reunirse coa presidenta da asociación ASPACE Coruña, Mª Carmen Barreiro e o seu xerente, Ricardo Iglesias, para reforzar o compromiso da UDC e a súa aposta polas tecnoloxías para a inclusión das persoas con parálise cerebral.
A Universidade da Coruña e a asociación levan máis de 20 anos colaborando na formación de profesionais universitarios do ámbito sanitario e social, acollendo nas súas instalacións cada ano a alumnado de fisioterapia, logopedia e educación social, entre outras titulacións.
Na reunión mantida co novo reitor da UDC os representantes de ASPACE Coruña trasladáronlle os servizos e proxectos que se desenvolven para a rehabilitación, inclusión e participación das persoas con discapacidade.
Ricardo Cao trasladou aos representantes da asociación o compromiso da Universidade para reforzar esa alianza, apoiando o desenvolvemento de novas tecnoloxías que faciliten a inclusión e a domotización, unindo a investigación que se desenvolve na UDC coa experiencia da asociación na atención á discapacidade. De feito, un dos aspectos máis importantes da colaboración entre ambas as entidades é a aposta pola tecnoloxía e a investigación.
ASPACE Coruña colabora tamén co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña desde hai máis de 10 anos, a través do desenvolvemento de tecnoloxía aplicada á mellora da calidade de vida das persoas con parálise cerebral, como o software de comunicación In-TIC ou o proxecto “Talentos Inclusivos”, que este ano cumpre xa a súa cuarta edición.
Foto: de esquerda a dereita, presidenta da asociación ASPACE Coruña, Mª Carmen Barreiro; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; e o xerente da asociación, Ricardo Iglesias.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC