A Universidade da Coruña celebra o Día Mundial do Medio Ambiente coa entrega dos Premios Sustentabilidade a traballos de fin de grao e máster

Press release

6/5/20 12:39 PM

  • Institutional

Na modalidade de TFG, resultou gañador o proxecto “Aprendizaje-Servicio en la difusión de información científica: el caso de la avispa asiática (Vespa velutina)” da alumna do Grao en Bioloxía, Facultade de Ciencias, Yaiza Rodríguez Lueje. En TFM gañou Rosalidia Álvarez Hernández con “Estudo de sistemas pasivos para evitar problemas respiratorios en interiores de vivenda situados en lugares de clima húmido e ventoso”, estudante do Máster Universitario en Edificación Sustentable da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica.

A Coruña, 5 de xuño de 2020.- Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente que se celebra hoxe, a Universidade da Coruña vén de entregar de forma virtual os II Premios Sustentabilidade a traballos de fin de grao e de máster.

Na modalidade de Traballos de Fin de Grao (TFG), resultou gañador o proxecto “Aprendizaje-Servicio en la difusión de información científica: el caso de la avispa asiática (Vespa velutina)” da alumna do Grao en Bioloxía, Facultade de Ciencias, Yaiza Rodríguez Lueje, titorizado pola profesora María J. Servia García. O traballo tiña por obxectivo avaliar o grao de coñecemento do público sobre distintos aspectos relacionados coa avespa asiática e valorar posibles melloras nas actividades de divulgación científica sobre a mesma. Para isto, identificáronse e cuantificáronse as capturas accesorias dunha trampa de avespa asiática e realizouse unha revisión do papel polinizador dos dípteros presentes entre as capturas accesorias. O traballo centrouse nos concellos de Oleiros e Abegondo. Os resultados indican que as respostas do público foron na súa maioría incorrectas e na trampa estudada só o 1% das capturas correspondían a Vespa velutina.

Na modalidade de Traballos de Fin de Máster (TFM) acadou o primeiro premio Rosalidia Álvarez Hernández con “Estudo de sistemas pasivos para evitar problemas respiratorios en interiores de vivenda situados en lugares de clima húmido e ventoso”, estudante do Máster Universitario en Edificación Sustentable da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica, titorizada polo profesor Santiago Pintos Pena. Este proxecto presenta unha investigación centrada na calidade de aire interior e en atopar as ferramentas que permitan a súa mellora, atendendo a un lugar concreto, a costa galega desde o golfo Ártabro ata a serra do Barbanza, e baixo as cuestións medioambientais, sociais e económicas que fundamentan a sustentabilidade. Líganse contaminación, benestar, saúde, redución de tóxicos, asma e rinite alérxica, e dáse importancia á adecuada ventilación, á renovación das masas de aire, ao uso de materiais, ben con capacidade de regular a humidade, ben de eliminar tóxicos do ambiente. Aténdese aos estándares e ás estratexias pasivas que poden conseguir mellorar o ambiente interior e contribuír así ao desenvolvemento sustentable.

Ademais destes premios, entregáronse segundos premios e varios accésits en cada unha das modalidades.

En TFG:

II Premio:

Estudante: Marta Lamigueiro Durán

Proxecto: Patrimonio forestal sostible en Galicia, o eucalipto

Grao/Centro: Grao en Dereito / Facultade de Dereito

Titor: Francisco Javier Sanz Larruga

Accésits:

  • Estudante: Itziar Fernández Somme

Proxecto: Healthy and plastic-free food supermarket: feasibility and shareholder value creation analysis

Grao/Centro: Grao en Administración e Dirección de Empresas / Facultade de Economía e Empresa

Titores: Anxo Ramón Calvo Silvosa, Emilia Luísa García Arthus, Fernando de Llano Paz

 

  • Estudante: Paula Gómez Meijide

Proxecto: Oral bioavailability of polycyclic aromatic hydrocarbons in atmospheric particulate matter

Grao/Centro: Grao en Química / Facultade de Ciencias

Titores: Jorge Moreda Piñeiro, Purificación López Mahía

 

En TFM:

II Premio:

Estudante: Luis Antonio Ruíz Sánchez

Proxecto: Estudo de viabilidade do aproveitamento hidráulico para a xeración de electricidade no encoro de Pontillón de Castro

Máster/Centro: Máster Internacional en Enxeñaría da Auga / ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos

Titora: Acacia Naves García-Rendueles

 

Accésits:

  • Estudante: Blanca Astray Uceda

Proxecto: Procesos de oxidación avanzados para a degradación de β-bloqueantes en augas doces naturais

Máster/Centro: Máster en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental / Facultade de Ciencias

Titor: Moisés Canle López

 

  • Estudante: Xerardo García Laxe

Proxecto: Sistema de xeración distribuída en instalacións portuarias: Porto Exterior de Ferrol

Máster/Centro: Máster Universitario en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético / Escola Universitaria Politécnica, Ferrol

Titor: Antonio Enrique Masdías Bonome

 

Todos os traballos premiados publicaranse nun libro editado pola Universidade da Coruña, ademais cada primeiro premio recibirá 800 euros e cada segundo, 400€.

Os premios están convocados pola Oficina de Medio Ambiente da UDC, dependente da Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade. A vicerreitora Amparo Casares destaca como relevante, ademais da alta calidade dos traballos presentados, a súa diversidade que supón “un indicador da vinculación curricular da sustentabilidade ás titulacións da Universidade da Coruña”. Para o adxunto de Sustentabilidade, director da Oficina de Medio Ambiente, Manuel Soto, “os premios achegan estudos e solucións á crise ambiental, pero tamén á responsabilidade social da UDC, tomando en consideración os tres piares da sustentabilidade, o ambiental, o económico e o social, no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da ONU para 2030”.

Nesta edición presentáronse un total de 27 propostas de 12 centros distintos.

A Universidade da Coruña vén desenvolvendo nos últimos anos un programa de mellora continuada para a sustentabilidade con programas específicos como Green Campus, elaboración de plans sectoriais en mobilidade, eficiencia enerxética, uso sustentable da auga e xestión de residuos, entre outros. O intenso traballo realizado viuse recoñecido coa concesión de cinco bandeiras Green Campus e a posición 93 a nivel mundial no ránking internacional GreenMetric de sustentabilidade nas universidades.

Foto: Imaxe de Yaiza Rodríguez Lueje

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC