A Coruña, 5 de marzo de 2024.- A Universidade da Coruña acolleu esta mañá a presentación dos resultados do Proxecto Europeo 1.5 Lifestyles, liderado pola Profesora Adina Dumitru, da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. O acto, presidido polo Vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, contou así mesmo coa participación doutras iniciativas que reflicten o potencial investigador que se desenvolve na UDC no eido da sustentabilidade, integrando enfoques innovadores e científicos na solución de problemas ambientais, sociais e económicos.
Propostas para reducir a nosa pegada de carbono
O proxecto EU 1.5 ° Lifestyles ten como obxectivo fomentar a integración de estilos de vida de acordo co obxectivo climático do Acordo de París de que o incremento da temperatura media global non supere os 1.5 °C a finais deste século.
Un equipo da Universidade da Coruña, coordinado pola profesora Adina Dumitru, participou neste proxecto xunto con outras Universidades e centros de investigación de sete países europeos - Alemaña, Hungría, Países Baixos, Suecia, Finlandia, Letonia e España- coordinados pola University of Münster (Alemaña).
No marco do EU 1.5 ° Lifestyles leváronse a cabo diversas iniciativas, como foros de discusión coa cidadanía, ou a elaboración dunha “Guía para reducir o noso impacto climático e fomentar unha vida máis sa e xusta”, dispoñible na páxina web do proxecto.
Este estudo investiga e reduce as opcións de estilo de vida de alto impacto ambiental a 50 opcións clave. Céntrase na pegada de carbono dos fogares, e o fomento da participación cidadá a través de laboratorios de pensamento e entrevistas con persoas que xa adoptan prácticas sostibles.
Os datos obtidos en España polo Proxecto EU 1,5º Lifestyles, demostran que, por exemplo, deixar de utilizar o coche privado para desprazarse ao traballo en favor dos traxectos a pé, en bicicleta, en transporte público ou en vehículos eléctricos podería reducir as emisións de carbono ata nun 40% no noso país. En canto ao transporte para as actividades de lecer (ir ao cinema, a concertos ou restaurantes) estes cambios nos hábitos poderían supoñer unha redución do 20% das emisións.
En materia de vivenda, a aplicación de medidas como a instalación de bombas de calor ou caldeiras de biomasa podería reducir as emisións nun 15%, ao que se sumaría o efecto positivo que xa está a ter a integración de enerxías renovables. Por outra banda, adoptar unha dieta vegana ou reducir significativamente o consumo de alimentos de orixe animal podería reducir as emisións ata un 10%.
Por último, a través da investigación do proxecto, detectáronse algúns retos no aspecto emocional. A frustración que xera aspirar a unha maior sustentabilidade, toparse con barreiras inamovibles ou estruturais, combinada coa pouca comprensión por parte dos círculos sociais, constitúen fortes desafíos emocionais. Neste sentido, preto do 65% dos participantes españois no estudo declararon sentir a denominada eco-ansiedade, mentres que o 50% detecta falta de comprensión na súa contorna.
Segundo destacou esta mañá Adina Dumitru, en Galicia “as opcións máis impactantes inclúen a mobilidade eléctrica e dietas veganas, mentres que as máis aceptadas céntranse en evitar o desperdicio alimentario e mellorar a eficiencia enerxética no fogar”.
A nivel europeo, estímase que de cara a 2030 só Eslovaquia, Croacia e Eslovenia teñan pegadas de carbono por debaixo do limiar dos 1,5 ºC. Este dato resalta a necesidade de que outros países da UE27 implanten cambios significativos nos estilos de vida para poder acadar os obxectivos climáticos.
Así, o proxecto proporciona unha valiosa investigación e, a través da guía, achega ferramentas sinxelas que permiten adoptar estilos de vida máis sostibles en Europa que contribúan a mitigar o cambio climático.
Outras iniciativas en favor da sustentabilidade
O compromiso da Universidade da Coruña coa sustentabilidade reflíctese en proxectos que non só abordan os desafíos actuais, senón que tamén anticipan necesidades futuras, fomentando unha resiliencia a longo prazo.
Na actualidade, a UDC conta con diversos exemplos que unen investigación, vangarda e sustentabilidade, como é o caso da Cátedra INDITEX-UDC de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes, que dirixe a investigadora Verónica Bolón, docente da UDC e investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), e que está enfocada en impulsar a investigación e a innovación en IA verde mediante a colaboración público-privada. “O seu programa – sinalaba Bolón- abarca o desenvolvemento de formación especializada e a transferencia de resultados de investigación, tratando de difundir o coñecemento en IA verde e posicionarse como un referente a nivel autonómico, estatal e internacional”. As liñas de investigación principais da Cátedra inclúen o desenvolvemento de algoritmos eficientes, a IA para a eficiencia enerxética e o desenvolvemento sostible, a robótica sustentable e as implicacións éticas e sociais dos algoritmos verdes.
Outro exemplo de investigación relacionada co desenvolvemento sostible é o Proxecto "CO-UDlabs", coordinado por Jose Anta Álvarez, profesor Titular da UDC e investigador do Grupo de Investigación Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil da UDC (CITEEC). Trátase dun proxecto financiado pola Unión Europea no marco do programa Horizon 2020, que promove a innovación e mellora dos sistemas de drenaxe urbana e saneamento.
Este proxecto ten como obxectivos principais a creación de redes, o desenvolvemento de actividades de investigación conxunta e o acceso transnacional. As súas aplicacións van desde o seguimento e a sensórica, as inundacións, o transporte de contaminantes e plásticos e o sistemas de drenaxe sostible. Segundo explicaba José Anta, “Os resultados inclúen 31 proxectos, dos cales 7 desenvolvéronse na UDC, 227 persoas usuarias de 26 países e 122 institucións. Son cifras que ofrecen información sobre a magnitude desta iniciativa.
E no campo da xestión de residuos, a investigadora Mª Belén Montero Rodríguez, falaba do Proxecto "WASTE2BioComp" financiado pola Unión Europea a través do programa Horizon 2021, que ten como obxectivo principal converter os residuos orgánicos en compoñentes biobaseados sostibles. A iniciativa, de 36 meses de duración, reúne a 13 socios europeos, incluíndo PYMES, grandes industrias e institucións de investigación. Segundo a investigadora, isto implica “ desenvolver alternativas a materiais tradicionais, implementar tecnoloxías de fabricación innovadoras e promover un ciclo pechado. Espérase que contribúa á transición dixital, industrial e espacial dentro do programa Horizonte Europa 2021.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC