A profesora Laura Nieto, que imparte a materia “Estimulación Cognitiva con TIC” no Campus da Coruña da Universidade Sénior, o programa universitario para maiores da Universidade da Coruña, participou entre o 20 e o 24 de novembro na primeira das mobilidades para a aprendizaxe no marco do Proxecto Erasmus+ KA204 nomeado “TIC Tac +55 - Técnicas de Aprendizaxe Combinadas no ensino das TIC para persoas maiores de 55 anos”.
No proxecto “TIC Tac +55” participan un consorcio de Programas Universitarios para Maiores do estado español (A Coruña, Alicante, Castellón, Málaga e Salamanca), liderados pola UMA. A través das mobilidades, docentes destes cinco programas universitarios coñecerán diferentes recursos e metodoloxías que fomenten a aprendizaxe de competencias dixitais no alumnado adulto e maior. Como resultado, será elaborado, de xeito colaborativo polos participantes, un manual e serán desenvolvidos obradoiros e conferencias nas institucións participantes para a divulgación dos principais aspectos traballados.
Esta primeira mobilidade tivo lugar na Sastamalan Opisto, unha institución de educación de adultos de Sastamala (Finlandia), centrándose o tema “As TIC como unha destreza de vida nos adultos e maiores europeos”. Os participantes tiveron ocasión de coñecer in situ a aplicación de diferentes recursos dixitais en diferentes materias do centro (tecnoloxías, idiomas, cultura, ...) e realizaron diferentes visitas a institucións educativas e recursos culturais da localidade finlandesa.
Published by: Universidade Senior