A UDC promove o emprendemento nos traballos de fin de estudos con premios e colaboración con empresas  

Press release

9/19/25 2:19 PM

  • Institutional
  • A convocatoria de premios conta cunha dotación total de 15.000 euros para TFG, TFM e teses de doutoramento presentados na Universidade da Coruña.

 

  • O programa U4IMPACT permite realizar TFG e TFM aplicados a retos reais en entidades sociais e empresas.

 

A Coruña, 19 de setembro de 2025.- A Universidade da Coruña, en colaboración coa Xunta de Galicia, lanza dúas iniciativas complementarias destinadas a recoñecer e impulsar o talento universitario, facilitando que o estudantado poida conectar a súa formación académica co ecosistema profesional e emprendedor.

 

Por unha banda, a UDC convoca 20 premios dirixidos a Traballos de Fin de Grao, Traballos de Fin de Máster e teses de doutoramento que aborden a temática da actividade emprendedora. Poderá participar o alumnado de calquera área de coñecemento que defendese o seu TFG, TFM ou tese na Universidade da Coruña entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de xullo de 2025.

 

A convocatoria establece dúas categorías —TFG/TFM e teses— cunha dotación total de 15.000 euros en premios. O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata as 14:00 horas do 24 de setembro de 2025, mediante o formulario dispoñible na web institucional.

 

Resolución de retos reais en colaboración con empresas, fundacións e entidades sociais

Por outra banda, a través da plataforma U4IMPACT, a universidade ofrece ao estudantado de grao e mestrado a posibilidade de realizar o seu TFG ou TFM en colaboración con empresas, fundacións ou entidades sociais, aplicando os coñecementos adquiridos a retos reais. Esta modalidade permite desenvolver o traballo nun contexto profesional, contando cun acompañamento completo por parte do titor académico, a entidade colaboradora e a propia plataforma.

 

O programa, financiado pola Xunta de Galicia, enmárcase na Rede de Polos de Emprendemento e Innovación, favorece a participación en proxectos locais con impacto no territorio. A iniciativa foi presentada esta semana nos Campus da Coruña e Ferrol, cunha asistencia de máis dun centenar de persoas, e incluíu unha charla específica dirixida ao estudantado da Facultade de Turismo.

 

As inscricións para participar nesta modalidade están abertas ata o 30 de novembro de 2025, e as prazas son limitadas. Máis información dispoñible nesta ligazón.

 

Estas dúas accións forman parte dun programa conxunto das tres universidades públicas galegas, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura emprendedora e a inserción profesional do alumnado universitario en Galicia.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC