A UDC pon en marcha un novo regulamento de contratación para persoal dedicado a tarefas de investigación

Press release

6/5/24 1:27 PM

  • Institutional
  • A reunión do Consello de Goberno, celebrada hoxe no CITIC, expuxo as principais novidades desta normativa, xa aprobada polo Consello Social da Universidade da Coruña.
  • As principais novidades radican na mellora das condicións laborais deste colectivo, formado por 520 persoas, e na axilización dos procesos de incorporación.
  • O órgano de Goberno da UDC aprobou tamén a doazón do legado bibliográfico de Siro López á Facultade Filoloxía.
  • Na xornada de hoxe tamén se abordou o apoio da UDC á comunidade universitaria de Palestina.

A Coruña, 5 de xuño.- O Consello de Goberno da UDC, reunido esta mañá no CITIC, tomou coñecemento do novo regulamento que rexerá a contratación das persoas dedicadas a tarefas de investigación nesa institución académica, que xa foi aprobado polo Consello Social da UDC. Un novo texto normativo, que nace dun proceso participativo previo e coa vocación de mellorar as condicións laborais das persoas que realizan a súa actividade no marco do Capítulo VI e tamén co obxectivo de axilizar os procesos para a súa incorporación. Actualmente, atópanse baixo este epígrafe un total de 520 persoas.

 

Entre as novidades máis destacadas que introduce, están a equiparación salarial, segundo as categorías, e da xornada laboral co resto do persoal PTXAS e PDI da UDC.  

 

Seguindo no eido da investigación, foi aprobada a adscrición á UDC do investigador Oportunius Diego Martínez Santos, actualmente integrante do grupo LHCb en colaboración co CERN (Centro Europeo para a Investigación Nuclear), que traballa nun proxecto para desenvolver un novo software de toma de datos e unha serie de medidas de precisión para a desintegración de partículas. Esta nova incorporación é unha nova mostra do impulso que a UDC lle está a dar á investigación, pulo avalado tamén pola recente concesión por parte da ANECA de 111 sexenios ao persoal funcionario investigador.  

 

Legado de Siro López

O Consello de Goberno aprobou a doazón do legado bibliográfico do humorista e ensaísta galego, Siro López, a quen a UDC lle agradece o seu ofrecemento á Facultade de Filoloxía para que albergue a súa colección de publicacións de banda deseñada, ilustracións e humorismo e demais obras; fondos con materiais do século XIX e XX de interese para o centro, dado o contido singular da biblioteca deste ilustre deseñador.

 

Apoio á comunidade Palestina

Ante a situación que se está a producir en Palestina, e atendendo ás solicitudes de diferentes colectivos estudantís, e do nodo da UDC da Rede de Universidades por Palestina (RUxP), hoxe representantes destas organizacións tiveron voz no Consello de Goberno, onde puideron expor os seus requirimentos, tras o que se acordou conformar un grupo de traballo para poder avanzar nun documento consensuado con medidas de apoio á comunidade palestina.

 

20240605 Consello Goberno 1

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC