A Coruña, 10 de outubro de 2025.- A Universidade da Coruña acolle estes días as reunións de lanzamento dun novo proxecto de IA vencellada á saúde. Trátase dunha iniciativa, liderada polo grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) da UDC en colaboración cun equipo de persoal investigador do grupo Supera, do Instituto Federal de Piauí (Brasil).
Esta iniciativa enmárcase dentro do contexto da colaboración existente entre ambas as dúas institucións académicas establecido a través da sinatura, a comezos deste mesmo ano, dun convenio específico para a realización de actividades conxuntas, tanto académicas como científicas e técnicas.
O obxectivo da rede internacional é desenvolver un sistema pioneiro de intelixencia artificial (IA) para a detección e caracterización automatizada da retinopatía diabética (RD). Unha das claves é a utilización de retinografías portátiles, máis económicas e perfectamente adecuados para o uso en contornas remotas, o que permite achegar ferramentas avanzadas na detección desta patoloxía. Este proxecto está financiado polo Consello Nacional de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía de Brasil.
Neste senso, hai que destacar outra das características desta iniciativa que integra a parte investigadora coa de cooperación, dado que se desenvolverá en zonas rurais nas que, doutro xeito, a diagnose chegaría con moita dificultade e, probablemente, máis tarde.
Os equipos impulsores deste proxecto reuníronse na Reitoría nun formato híbrido, no que estiveron presentes o reitor da UDC, Ricardo Cao, xunto cos investigadores do Grupo VARPA, Marcos Ortega, director do grupo; Jorge Novo e Joaquim De Moura, responsable do proxecto por parte da UDC. Como parte do equipo de Brasil, estiveron Rafael Ângelo Santos Leite, responsable do proxecto en Brasil e Igor Bezerra Reis, profesores do Instituto Federal de Educação, Ciência e Tecnologia do Piauí. A eles sumáronse en formato on-line representantes institucionais dos socios do proxecto en Brasil, incluindo Antônio Reis, alcalde de Floriano; Odimógenes Soares, vicerrector de profesorado en IFPI; Mariana Batista, Hospital Oftalmolóxico Bucar e Christian Heinze, en representación da Embaixada de Brasil en España.
Os impulsores desta iniciativa destacaron que este proxecto “non só mellorará de xeito significativo a calidade de vida dos pacientes diabéticos, senón que tamén situará a Brasil e a España na vangarda da investigación en IA aplicada á saúde”. Así mesmo, este proxecto permitirá recompilar una cantidade substancial de datos e desenvolver tecnoloxías aplicables a nivel mundial.
Ademais, esta acción dá continuidade ao traballo do Grupo VARPA no desenvolvemento e implementación de tecnoloxías socio-sanitarias a nivel internacional, onde destacan traballos previos como SMART-TDAH, de tecnoloxías inclusivas baseadas en IA para a mellora da atención educativa ao TDAH en contextos vulnerables do Sur Global.
Sobre Varpa Group
VARPA é un grupo de investigación acreditado como Grupo de Referencia Competitiva, máxima distinción outorgada pola Xunta de Galicia. Actualmente está adscrito á Facultade de Informática da UDC e ao Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC). Os seus obxectivos fundamentais son a innovación e a promoción da competitividade no sector produtivo baseadas na investigación e o desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas de intelixencia artificial, con especial énfase na visión artificial, con aplicacións de alto impacto nos ámbitos sanitario, industrial e social.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC