A UDC lanza o curso MOOC “Sustentabilidade na era do Big Data”

Press release

5/29/19 12:26 PM

  • Institutional

A Coruña, 29 de maio de 2019.- A Universidade da Coruña acaba de lanzar o seu terceiro curso MOOC (Massive Open Online Course) xa dispoñible para inscripción na plataforma MiríadaX: https://miriadax.net/web/sostenibilidad-en-la-era-del-big-data

O curso, titulado “Sustentabilidade na era do Big Data”, comezará o próximo 17 de xuño e ten como obxectivo concienciar sobre a necesidade urxente dun desenvolvemento máis sustentable apoiándose nas achegas do Big Data.

Para iso, o curso baséase en tres alicerces fundamentais: a sustentabilidade ambiental, a social e a económica. O módulo 1 céntrase na cuestión ambiental, analizando que son os servizos ecosistémicos, a súa valoración económica e a utilidade do Big Data neste ámbito. O módulo 2 dedícase á área social, distinguindo os distintos modos nos que o Big Data se pode utilizar para que as políticas de desenvolvemento social sexan máis eficientes e sustentables. O módulo 3 céntrase no ámbito económico, tratando o desenvolvemento e a desigualdade económica, e os modelos de produción e consumo.

Pero ademais, este curso ten un valor engadido que lle outorga un punto de orixinalidade, e é que fai ao estudante protagonista dun universo de ficción trasladándoo ao ano 2050 para facerlle sentir en carne propia as consecuencias da acción humana sobre o planeta se non se toman medidas urxentes:

“Ano 2050, a Terra está esnaquizada por culpa da acción humana e da masiva contaminación das pasadas décadas. A Coruña converteuse en Nova Crunia, unha sociedade clasista que se divide en Bardanos e Estraños. Os primeiros levan unha vida cómoda e chea de privilexios baixo unha cúpula de cristal que consegue filtrar o aire contaminado. Os segundos non poden acceder á cidade de cristal e viven dos restos que esta xera. Pero os Estraños lograron organizarse en tres clans: Océano, Bosque e Gruta. Cada un deles está liderado por un heroe ou heroína cuxo obxectivo é acabar con esa sociedade desigualitaria. Axudámoslles??”

O estudantado terá oportunidade de unirse ao clan co que teña máis afinidade e accederá a contidos extra relacionados coa historia de ficción. Todo iso a través da conta de Twitter do MOOC (@sasemooc), onde o equipo docente irá lanzando un reto cada semana co que o alumnado poderá contribuír á sustentabilidade do planeta e axudar así aos heroes de cada clan.

A inscrición ao curso é gratuíta e non se precisan coñecementos previos.

 

Ficha técnica:

Título: Sustentabilidade na era do Big Data

Equipo docente: Estefanía Mourelle, Iván López, María Alló, Carmen Gago e Ángeles Longarela da Facultade de Economía e Empresa da UDC.

Equipo técnico: Ana Peña Cabanas (CUFIE), Laura Pazienza, Sabela Brand, Beatriz Iglesias, Carlos Aguado, Teresa Piñeiro e Rocío Mihura da Facultade de CC. da Comunicación da UDC.

 

Vídeo: https://youtu.be/_cQ425brBr4

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC