A UDC coróase vencedora absoluta no Campionato Galego Universitario de Vela

Press release

2/28/25 11:30 AM

  • Institutional

 

  • A Universidade da Coruña impón a súa superioridade tanto na clasificación individual como na global por universidades.

 

A Coruña, 28 de febreiro de 2025.- A Universidade da Coruña (UDC) proclamouse vencedora do IV Campionato Galego Universitario de Vela, celebrado este xoves en Vilagarcía de Arousa, acadando o primeiro posto tanto na clasificación individual como na global por universidades. A competición reuniu nove tripulacións integradas por 35 estudantes das tres universidades puúblicas galegas, UDC, USC e Uvigo, destacando o gran papel das cinco embarcacións coas que a UDC participou.

O equipo campión estivo formado por Marta Torres, Fernando Núñez, Hannah Sofía Carregui e Jaime Herrero, quen lograron a vitoria na final. Ademais, outro dos barcos da UDC completou o podio acadando a medalla de bronce, mentres que a prata foi para a Universidade de Santiago de Compostela (USC). No cómputo global, a UDC liderou a clasificación xeral, seguida pola USC e, en terceiro lugar, pola Universidade de Vigo (UVigo).

O campionato, aberto a estudantes con licenza federativa en vela, desenvolveuse no Centro Galego de Vela con barcos Elliot de 6 metros e tripulacións mixtas. A competición foi organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo en colaboración coa Real Federación Galega de Vela.

 

Acto de entrega de premios

A entrega de galardóns celebrouse nas instalacións do Centro Galego de Vela e contou coa presenza da vicerreitora de Cultura, Divulgación e Deporte da UDC, Cristina Naya; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; o adxunto ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Rico; e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.

 

Os CGU continúan en marzo

Este campionato de vela foi a segunda proba da 27ª edición dos Campionatos Galegos Universitarios (CGU), que deron comezo esta semana coa competición de natación en Ourense. Con máis de 600 participantes das tres universidades galegas, os CGU seguirán a súa actividade os días 12 e 13 de marzo na Coruña, coa disputa dos deportes colectivos como fútbol, fútbol sala, rugby, baloncesto, voleibol e balonmán, baixo a coordinación da UDC. A última cita terá lugar o 25 de marzo, cun campionato de orientación organizado pola USC.

A Universidade da Coruña reafirma así o seu compromiso co deporte universitario e coa excelencia competitiva, consolidándose como un referente no ámbito deportivo galego.

WhatsApp Image 2025-02-27 at 21.51.39

 

WhatsApp Image 2025-02-27 at 21.45.59

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC