A Coruña, 3 de xaneiro de 2025.- A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá, do 21 ao 23 de febreiro de 2025, a 3ª edición do maratón de programación HackUDC, a maior cita tecnolóxica destas características que ten lugar en Galicia. O evento, organizado polo Grupo de Programadores e usuarios de Linux (GPUL), convida a estudantes de toda España e internacionais a poñer a proba a súa creatividade e habilidades técnicas para desenvolver proxectos innovadores, sempre baixo unha licenza de software libre.
Durante tres días, as persoas participantes traballarán en equipo para resolver retos propostos por empresas líderes do sector tecnolóxico e competirán por premios que superan os 3.000 €. Ademais, o HackUDC ofrecerálles un ambiente totalmente equipado para que os asistentes poidan concentrarse ao máximo nos seus proxectos, contando con comida gratuíta e instalacións cos servizos necesarios para o desenvolvemento do encontro.
A día de hoxe, para o hackathon UDC 2025 hai xa un total de 288 persoas inscritas, 140 máis que as que participaron na edición anterior, que xa triplicara os datos de asistencia da primeira edición, celebrada no 2023 con medio centenar de asistentes. Destas preto de 300 persoas que solicitaron participar nesta próxima edición, máis de 30 proceden doutras zonas de Galicia fóra da cidade da Coruña e 15 doutros lugares de España. Ademais, hai xente apuntada desde Portugal, Inglaterra, Italia, Francia, Alemaña e Emiratos Árabes Unidos.
Patrocinadores
Pero o HackUDC non só busca reunir os mellores talentos estudantís, senón tamén ás empresas máis visionarias que, como entidades patrocinadoras, terán a oportunidade de propoñer retos, contribuír ao desenvolvemento da comunidade tecnolóxica e posicionarse como líderes en innovación.
Ademais de visibilidade, o hackthon ofrécelles conectar cunha comunidade de mozas e mozos desarrolladores e formar parte activa da construción do futuro tecnolóxico. Así mesmo, o evento ofrece unha plataforma para que as empresas presenten os seus produtos, servizos e iniciativas ante un público altamente cualificado e motivado.
En edicións anteriores, o HackUDC contou co apoio de empresas como Relacione, Inditex ou Gradiant, entre outras. Para o que se celebrará en febreiro, de momento, o rexistro de estudantes e patrocinadores continúa aínda aberto. Unha nova oportunidade para todas aquelas persoas que queiran participar nesta cita única para gañar experiencia práctica e conectar cunha rede de estudantes, empresas e profesionais que comparten a paixón pola innovación e o software libre.
Máis información, inscricións e solicitudes de patrocinio en https://hackudc.gpul.org
O GPUL
O Grupo de Programadores e usuarios de Linux (GPUL), organizador do HackUDC, é unha asociación universitaria vinculada á UDC destinada ao fomento do software e hardware libre e á promoción da colaboración dentro da comunidade de desenvolvedores. A asociación conta con máis de 25 anos de traxectoria e máis de 500 membros.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC