A UDC celebra este luns o Día da Universidade co recoñecemento ao estudantado destacado en todos os niveis académicos

Press release
1/24/20 11:12 AM
  • Institutional

A Coruña, 24 de xaneiro de 2020.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presidirá este luns, 27 de xaneiro, os actos do Día da Universidade que se celebran pola festividade de Santo Tomás de Aquino nunha homenaxe ao alumnado destacado en todos os niveis académicos, incluíndo por primeira vez o recoñecemento aos mellores titulados de Mestrado.

A Universidade da Coruña instaura desde este ano, pero con efectos desde o curso en que iniciou o mandato o reitor Abalde (2016/2017), os Premios Extraordinarios de Mestrado que se engaden aos Premios á Excelencia Académica no Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior, Premios Extraordinarios de Grao UDC-Banco Santander e Premios Extraordinarios de Doutoramento. Debido ao elevado número de premiados que concorren este ano, a entrega organizarase en dous actos. O Paraninfo da Reitoría acollerá de 10:00 a 11:00 horas o acto de entrega dos Premios Extraordinarios de Mestrado dos cursos 2016/2017, 2017/2018 e 2018/2019. O estudantado premiado obterá un diploma así como o recoñecemento no seu expediente e a exención dos prezos públicos pola expedición do título.

Ás 12:30 horas terá lugar o acto central do Día da Universidade, no que participará o director de Institucións do Banco Santander (entidade financiadora dos premios de grao), Luis Pernas. Entregaranse os Premios á Excelencia Académica no Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior (diploma e un cheque de 457,65 euros); os Premios Extraordinarios de Grao UDC-Banco Santander do curso 2018/2019 (diploma e ingreso de 1.122,44 euros); Entrega de distintivos aos novos Doutores e os Premios extraordinarios de Doutoramento (diploma) da convocatoria 2017/2018.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC