A Coruña, 17 de xullo de 2025.- A Universidade da Coruña vén de asinar cos sindicatos o novo Acordo de clasificación profesional e condicións de traballo para o persoal contratado para tarefas de investigación (PCTI), co obxectivo de adaptar a normativa interna ás modificacións introducidas pola Lei 14/2011, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, e mellorar o marco laboral do persoal investigador contratado ao abeiro do artigo 23 bis desta lei.
Este documento, asinado polo reitor cos representantes sindicais de UGT, Susana Carballal; María Luísa Sánchez de CCOO; Fernando Avecilla de CSIF, e Ramón José Muíño, da CIG, substitúe o texto anterior, aprobado en novembro de 2014, incorporando as novidades lexislativas derivadas da inclusión do contrato de actividades científico-técnicas, que permite a contratación indefinida de persoal investigador técnico ou de xestión vinculado a liñas de investigación.
O novo marco recoñece explicitamente estas funcións como parte integrante da actividade de investigación, incluíndo persoal de apoio, técnico, administrativo e de xestión. Regula as categorías profesionais, os requisitos de acceso, as funcións asociadas a cada perfil e establece unha táboa salarial mínima vinculada ao nivel de titulación requirido.
Así mesmo, garante dereitos como o recoñecemento da antigüidade e suba salarial, o acceso a indemnizacións por razón de servizo, e aplicación do calendario e xornada laboral, vacacións e permisos, regulación do teletraballo e acceso a servizos e formación da UDC en igualdade de condicións que o resto do persoal universitario.
Categorías e niveis de acceso
O acordo establece sete categorías profesionais no ámbito do PCTI: investigador/a contratado/a doutor/a, xestor/a de investigación, colaborador/a de investigación, técnico/a de apoio, axudante de apoio á investigación, técnico/a administrativo/a e de xestión, e axudante administrativo/a. Cada unha delas asóciase a un nivel de titulación segundo o sistema MECES (Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior), definindo tamén as funcións e perfís asociados, así como as retribucións mínimas segundo a o nivel de titulación requerido.
Aplicación progresiva
O novo acordo entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no TEO, sendo de aplicación inmediata aos novos contratos. Para os contratos xa vixentes, establécese un período de adaptación que se estenderá ata o 1 de xaneiro de 2026.
Este acordo supón un avance significativo na consolidación dun marco laboral máis xusto, transparente e adaptado á realidade do persoal contratado para tarefas de investigación, recoñecendo a súa contribución esencial ao sistema científico da UDC.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC