A Coruña, 15 de setembro de 2025.- O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao; a vicedecana de Internacionalización e Mobilidade da Facultade de Economía e Empresa, María Alló Pazos; e o coordinador do paquete de traballo liderado pola UDC na Alianza EMERGE, Pablo Rodríguez-Vellando; recibiron este luns, no Salón de Graos da Facultade de Economía e Empresa do Campus de Elviña, a medio centenar de estudantes, investigadores e persoal do conxunto de universidades que forman o Eurocampus EMERGE.
O acto supón un novo fito no compromiso da UDC coa integración universitaria europea, no marco da súa participación activa nesta alianza internacional. En palabras do reitor, Ricado Cao, a iniciativa supón “un desafío para construír un espazo europeo común de coñecemento, inclusión e innovación; xuntando universidades europeas que comparten valores, recursos e unha visión polo futuro da educación superior.”
No marco desa alianza, a UDC acollerá talleres en competencias transversais para estudantado e persoal investigador que se desenvolverán ao longo desta semana, baixo o formato do programa Erasmus+ BIP (Blended Intensive Programme). Neste caso, o programa titulado “Guía para una carreira investigadora de impacto” reúne a participantes que teñen traballado previamente de xeito virtual, e encóntranse presencialmente para colaborar de forma colectiva e simultánea, empregando métodos innovadores de aprendizaxe e ensino para a comunicación científica.
Nos actos da semana están previstas visitas culturais guiadas e aos principais centros de investigación da UDC: ao CITENI, en Ferrol, e ao CITIC, CICA e CITEEC, no Campus de Elviña, entre outros. O obxectivo principal, segundo indicou o reitor é “traballar xuntos para que EMERGE non sexa só unha alianza sobre o papel, senón unha comunidade viva de persoas que cren no poder da educación para transformar o noso futuro.”
A formación, que se desenvolverá ao longo dunha semana, conta con máis de 50 estudantes e investigadores procedentes de sete das universidades socias de EMERGE, que compartirán experiencias, coñecementos e boas prácticas arredor das necesidades cambiantes de doutorandos e investigadores, coa fin de achegarlles competencias como o pensamento crítico, a resolución de problemas, o liderado, o traballo en equipo e a xestión de proxectos.
Ademais de potenciar entre os participantes estas habilidades, esenciais para o éxito académico, facilitarase tamén, en palabras da vicedecana de Internacionalización e Mobilidade da Facultade de Economía e Empresa, María Alló Pazos, “unha oportunidade para conectar persoas e ideas na UDC”.
A iniciativa forma parte da estratexia de internacionalización da UDC e aposta pola formación colaborativa e multidisciplinar, un dos piares da alianza EMERGE. A través de sesións teóricas, obradoiros práticos e actividades de traballo en equipo, o programa busca favorecer a creación de redes de investigación e colaboración transnacional. Segundo destacou Ricardo Cao, “estas sesións serán non só unha oportunidade para aprender, senón tamén para participar no diálogo e intercambio entre culturas e disciplinas.”
A Alianza EMERGE, da que a UDC forma parte xunto con outras oito institucións de ensino superior europeas, promove accións conxuntas para fortalecer o Espazo Europeo de Educación Superior. O desenvolvemento deste primeiro BIP presencial reforza o papel da UDC como nodo de cooperación académica e impulsa a visibilidade internacional da universidade no seu 35º aniversario.
No portal da Alianza pódese descubrir máis das iniciativas que está a levar a cabo o consorcio, integrado -ademais da UDC- polas seguintes universidades: University of Limerick (Irlanda), a Democritus University of Thrace (Grecia), a Université Rennes 2 e a Université Bretagne Sud (Francia), a University of Inland (Noruega), a Univerzita Mateja Bela v Banskej Bystrici (Eslovaquia), a Europa-Universität Flensburg (Alemaña) e a Neapolis University Pafos (Chipre).
Nas Alianzas europeas, as institucións de educación superior desenvolven unha cooperación estrutural, sostible e sistémica a longo prazo en materia de educación, en alianza coa investigación e a innovación, a través das fronteiras, e contribúen a resolver os retos sociais.
O programa concluirá o vindeiro venres 19 coa presentación dos resultados do traballo en equipo e un acto de peche no que participarán representantes das universidades socias.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC