A Sociedad Científica Informática de España e a Fundación BBVA premian a Torusware, spin off da UDC, e a Adrián Pérez e Daniel Valcarce, titulados da FIC

Press release

11/19/21 12:48 PM

  • Institutional

A Coruña, 19 de novembro de 2021.- A Sociedad Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA entregaron onte en Madrid os Premios de Investigación que promoven cada ano e que, nesta ocasión, foi unha celebración dobre ao entregar os galardóns da edición do ano 2020, aprazada pola pandemia, e os deste ano en curso.

Na edición de 2020, a SCIE e a Fundación BBVA recoñeceron á empresa spin off participada pola UDC Torusware (Torus Software Solutions S.L.) cun dos Premios Nacionais de Informática, o Premio Ramón Llull, “pola súa actividade no ámbito da computación de altas prestacións e a súa aplicación ao procesamento de grandes volumes de datos, o seu dinamismo e aposta pola I+D+i e polo seu impacto nacional e internacional”. Os profesores da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, Ramón Doallo Biempica, Juan Touriño Domínguez e Guillermo López Taboada son os promotores da empresa Torusware.

Torus Software Solutions é unha empresa de solucións de software de comunicacións ultrarrápido que permite acelerar aplicacións en contornos en que o rendemento é crítico, en especial nos eidos financeiros, de telecomunicacións e de enerxía. Torus é unha Empresa de Base Tecnolóxica, recoñecida como tal pola Universidade da Coruña en marzo de 2013. Está participada pola UDC e a Fundación Barrié, así como por investigadores do Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC. É o resultado das investigacións levadas a cabo polos promotores no campo das comunicacións de altas prestacións, o estreito apoio da OTRI da UDC e o financiamento recibido pola Fundación Barrié a través do Fondo de Investimento Ciencia, mecanismo creado para axudar á posta en valor e comercialización de tecnoloxías xeradas nas universidades e centros de investigación galegos.

Torus aposta firmemente pola I+D e a súa aplicación nos sectores máis competitivos, así como pola valorización comercial de tecnoloxías disruptivas mediante a súa transformación en produtos únicos. Torus está comprometida co progreso económico e social de Galicia, tendendo pontes entre o mundo académico e o empresarial, para o que colabora intensamente coa OTRI da Universidade da Coruña e o CITIC.

Ademais, na cerimonia de onte, á que asistiu o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, recibiron o seu galardón os titulados pola Facultade de Informática da UDC, Adrián Pérez Diéguez e Daniel Valcarce Silva, distinguidos cos Premios Investigadores Novos.

Adrián Pérez Diéguez, Digital Marketing Data Lead en Zara.com (Inditex), foi premiado “polas súas aportacións á computación de altas prestacións (HPC) que permiten procesar grandes volumes de datos (Big Data) mediante a adaptación de algoritmos para a súa execución en arquitecturas heteroxéneas”.

Daniel Valcarce Silva, Software Engineer en Google, pola súa banda foi recoñecido “polas súas aportacións no campo da recuperación de información e os sistemas de recomendación, que se reflicten nas súas publicacións de primeiro nivel, e que o levaron a formar parte dun equipo internacional que traballa na mellora de asistentes persoais utilizando técnicas de linguaxe natural e aprendizaxe automática”.

O xurado desa edición estivo presidido por Antonio Bahamonde, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidad de Oviedo, e presidente da SCIE; e integrado por Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña, e presidenta da Asociación Española para la Inteligencia Artificial (AEPIA); Rosa María Badía, líder do grupo Workflows and Distributed Computing do Barcelona Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación; Inmaculada García Fernández, catedrática de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores na Universidad de Málaga e presidenta da Sociedad de Arquitectura y Tecnología de Computadores (SARTECO); Manuel Hermenegildo, director científico do IMDEA Software Institute; Juan Hernández, catedrático de Linguaxes e Sistemas Informáticos na Universidad de Extremadura; Mario Piattini, catedrático de Linguaxes e Sistemas Informáticos na Universidad de Castilla La Mancha; Francisco Quiles, catedrático de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores da Universidad de Castilla-La Mancha; e Alicia Troncoso, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Escola Politécnica Superior da Universidad Pablo de Olavide.

 

Foto: Desde a esquerda, Adrián Pérez Diéguez, Juan Touriño Domínguez, Salvador Naya, Guillermo López Taboada e Daniel Valcarce Silva no acto de entrega dos premios que tivo lugar onte.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC