A Intelixencia Artificial, protagonista da primeira conferencia da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos que acolle o Campus de Ferrol

Press release
12/3/19 2:53 PM
  • Institutional

Ferrol, 3 de decembro de 2019.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya Fernández, o alcalde do Concello de Ferrol, Ángel Mato Escalona, e o director de Navantia Ferrol, Jorge Filgueira Ameneiros, inauguran mañá, mércores 4 de decembro, ás 17:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol, o Ciclo de Conferencias 2019/20 da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos que dirixen os profesores Ana Álvarez García e Fernando Lago Rodríguez.

A catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, Amparo Alonso Betanzos, impartirá a primeira das catro conferencias da cátedra titulada “Unha expedición cara o futuro da intelixencia artificial”. Alonso Betanzos coordina o Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial da UDC e, dende o ano 2012, preside a Asociación Española para a Intelixencia Artificial.

No eido da investigación, a súa actividade céntrase no desenvolvemento e aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial en diversas áreas así como na Aprendizaxe Computacional e nas técnicas de Ciencias de Datos (Big Data). No ano 1998 recibiu o Premio LÓreal –UNESCO For Women in Science en España, en 2004 o Premio Galicia TIC á Innovación e, por último, no ano 2019 o Premio Galicia TIC á Traxectoria Profesional.

 

Premios á Innovación Navantia

Logo do acto de inauguración, farase entrega do Premio á Innovación Navantia para Traballos Fin de Mestrado da promoción 2018/19 nas ramas de enxeñaría naval e industrial. Nesta convocatoria, o xurado outorgoulle o Premio á Innovación Navantia ao TFM presentado por Javier Pernas Álvarez, do Mestrado en Enxeñaría Industrial, titulado “Desarrollo de un simulador de eventos discretos experimental basado en realidad virtual”. O Accésit recaeu no TFM presentado por Carlo Alejandro Castro Boado, do Mestrado en Enxeñaría Naval e Oceánica, titulado “Sensorización, calibrado y realización de ensayos experimentales en olas de proa y de costado de un buque arrastrero de tamaño medio”.

O xurado estivo integrado polo vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya Fernández, o director de Navantia Ferrol, Jorge Filgueira Ameneiros, e mais polos directores da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, Ana Álvarez García e Fernando Lago Rodríguez. O gañador do Premio á Innovación Navantia recibe 1.500 euros e un diploma acreditativo. No caso do Accésit, a contía económica é de 500 euros.

 

 

 

 

Published by: Gabinete de comunicación