A Facultade de Informática acolle a International Software Product Line Conference (SPLC 2025)

Press release

9/1/25 1:19 PM

  • Institutional
  • Cun marcado carácter técnico, esta iniciativa congregará a máis de 60 persoas analizarán as diferentes liñas de software e as súas aplicacións baixo diferentes perspectivas

A Coruña, 1 de setembro de 2025.- A Facultade de Informática da UDC acolle durante toda esta semana a International Software Product Line Conference (SPLC 2025), congreso internacional no que especialistas de diferentes países analizarán a investigación e aplicación industrial das liñas de produto software, un enfoque clave para o desenvolvemento de sistemas complexos. 

Ao longo dos cinco días, o programa inclúe conferencias sobre eidos tan de actualidade como a forma na que a intelixencia artificial pode axudar a deseñar e mellorar sistemas informáticos complexos, como optimizar o seu rendemento e como facer unha adaptación ás distintas necesidades de xeito máis sinxelo.

Tamén se presentarán exemplos de uso en ámbitos moi diversos, desde a agricultura intelixente ata o marketing dixital ou a automoción, amosando o impacto que estas tecnoloxías teñen xa en sectores clave da nosa economía.

O programa científico abrangue 46 contribucións, que se distribúen entre ponencias de investigación, casos de aplicación industrial, artigos de relevancia previamente publicados, o simposio doutoral, sesións de demostracións e ferramentas, titoriais e obradoiros especializados. 

A Coruña recolle a testemuña de Luxemburgo, sede da pasada edición desta cita internacional, que xurdiu da fusión de dous eventos anteriores: a SPLC (que comezou en 2000 en Estados Unidos) e a Product Family Engineering (PFE, que comezou en 1996 en Europa). Deste xeito, persoal investigador e docente así como fabricantes e deseñadores analizan nun mesmo evento liñas de software e produto desde diferentes prismas.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC