A Facultade de Fisioterapia recibe a Bandeira Verde que a acredita como centro universitario Green Campus

Press release
12/13/19 12:09 PM
  • Institutional

A Coruña, 13 de decembro de 2019.- A Facultade de Fisioterapia recibiu este mércores a Bandeira Verde que a acredita como un centro universitario Green Campus, nun acto que contou coa presenza da decana, María Luz González Doníz; o director da Oficina de Medio Ambiente da UDC, Manuel Soto; a coordinadora do programa Green Campus na facultade, Ana Lista; e o representante de ADEAC FEE, Francisco García.

A consecución deste distintivo chega tras un proceso de case tres anos de traballo nos que se contou coa implicación e o compromiso de todos os membros da comunidade universitaria da Facultade.

A Bandeira Verde supón un recoñecemento ás boas prácticas e ao respecto ao contorno e ao medioambiente que definen os centros Green Campus, pero non é, explican desde o decanato, “un final dun proceso que debe caracterizarse pola mellora continua”. Neste sentido, continúan, “a Facultade mantén o firme compromiso de continuar traballando para incrementar o seu impacto sobre a saúde e a sustentabildade do contorno físico e social en que se insire”.

 

A Universidade da Coruña (UDC) asinou en febreiro de 2014 un convenio de colaboración coa Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), como membro da internacional Fundation for Environmental Education (FEE) para a implantación dos procedementos de xestión ecolóxica baixo a bandeira verde GreenCampus. A creación dun Comité Ambiental, a realización de eco-auditorías, a elaboración dun Plan de Acción e dunha declaración do compromiso ambiental, xunto co asesoramento, información, comunicación e avaliación continua, son os elementos chave da metodoloxía do Green Campus. Os obxectivos a acadar xiran arredor de dez áreas de actuación: 1) optimización do consumo de auga e enerxía, 2) redución da xeración de residuos e recollida separada, 3) atención preferente aos RAEE (residuos de aparatos eléctricos e electrónicos), 4) contaminación atmosférica, acústica e lumínica, 5) mobilidade sostíbel, 6) alimentación saudábel, 7) biodiversidade, 8) compra verde, comercio xusto e consumo responsábel, 9) participación, sensibilización e voluntariado ambiental, e 10) ambientalización curricular da docencia e da investigación.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC