Ferrol, 23 de abril de 2021.- O salón de actos da Escola Universitaria Politécnica, Campus de Serantes, acolle, o vindeiro luns 26 de abril, ás 10:30 horas, a inauguración do Laboratorio Beckhoff. O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presidirá o acto no que estará acompañado polo responsable de Expansión de Beckhoff Automation España, Miquel Coca i Llagostera, e máis polo director da EUP, Andrés Piñón Pazos, así como pola vicerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla.
A multinacional alemá vén de doar un total de once dispositivos de automatización á vangarda da industria, baseados no concepto de ordenador industrial para seren usados nos eidos da docencia e máis da investigación, cun valor económico que supera os 20.000 euros.
En maio de 2019, a Universidade da Coruña e a multinacional Beckhoff Automation asinaron un convenio de colaboración co obxecto de fomentar o intercambio de experiencias e persoal nos campos da docencia, a investigación e mais da cultura en xeral. Por aquel entón, as dúas entidades comprometéronse a facilitar o intercambio de profesionais, profesores e investigadores; a favorecer a participación en proxectos e programas de investigación; a cooperar en programas de formación de persoal de asistencia, investigador e técnico así como ao asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coa actividades de ambas as dúas entidades.
Beckhoff Automation
Beckhoff Automation é unha multinacional alemá con presenza en España. Cunha facturación anual de máis de 800 millóns de euros e con 3.900 traballadores ofrece sistemas abertos para a automatización, baseados na tecnoloxía de control por PC. O rango de produtos abrangue desde PCs Industriais, I/Os e Compoñentes Fiedbus, Drive Technology para Motion e Software de Control.
Foto de arquivo da Escola Universitaria Politécnica
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC