A Coruña, 5 de decembro de 2022.- O Goberno de España deu a coñecer a elección unánime da Coruña como sede para albergar a Agencia Española de Supervisión e Inteligencia Artificial (AESIA), logo do Consello de Ministros e Ministras celebrado esta mañá. “A elección da Coruña como sede da AESIA sitúanos como a cidade europea máis avanzada na materia, constatando que somos o polo tecnolóxico de referencia en Galicia e agora tamén en España” sinalou a alcaldesa, Inés Rey, nunha rolda de prensa ofrecida esta tarde no Concello da Coruña, na que tamén compareceu o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde.
O Goberno de España, a través da súa voceira Isabel Rodríguez, fixo pública a elección da Coruña como sede da axencia entre as 16 cidades españolas que presentaron a candidatura. A voceira destacou a importancia do tecido universitario, económico e empresarial da cidade como elementos clave para a elección da Coruña. “Desde o principio defendín a nosa idoneidade como sede, avalada pola potencialidade do noso tecido empresarial e universitario. Potencialidades que hoxe son realidades. Sabíamos que eramos a mellor opción e a máis competitiva”, explicou a rexedora quen agradeceu todo o traballo realizado pola Universidade da Coruña personalizándoo no reitor, Julio Abalde.
O reitor sinalou que hoxe “é un gran día para a Coruña e para a Universidade da Coruña e para todo o sector TIC de toda Galicia”. Esta candidatura, lembrou, “saíu dun proceso de elección que sempre dixen que ía ser una fortaleza porque foi un proceso baseado en indicadores, tamaño e distintos criterios; polo tanto era unha candidatura forte e una vez tomada a decisión tivo o apoio da Comunidade Autónoma e todo o sistema universitario galego”.
“A Cidade das TIC non está en Pedralonga, está en toda A Coruña”, continuou. “A Coruña é una cidade TIC, innovadora, que avanza coas novas tecnoloxías e cos novos tempos, como demostra o seu tecido produtivo non só do sector TIC senón do sector non TIC”. As empresas que se ubican na Coruña están altamente dixitalizadas e teñen un aporte importante de Intelixencia Artificial (IA) nos seus procesos. A media de España está nun 8% de empresas que usan IA e na área da Coruña está nun 11%.
Finalmente, o reitor recoñeceu o esforzo realizado para a consecución da sede da AESIA. “Esta candidatura tivo un traballo intenso, silencioso e moi efectivo por parte do Concello da Coruña e da súa alcaldesa Inés Rey. Todos cremos que era una candidatura forte e traballamos xuntos, Xunta, Concello e Universidade, para conseguila, e quero destacar tamén o papel coordinador da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Hoxe toda Galicia ten que estar contenta”, rematou.
A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu o apoio do sector institucional, empresarial e universitario de toda Galicia, destacando ao tecido empresarial da cidade e á Universidade da Coruña especialmente. “Se fomos quen de conseguilo é grazas á forma de traballar que sempre defendín: seria, rigorosa e con moita dedicación. Porque só dende a templanza e o convencemento se pode construír un gran proxecto coma o desta cidade” destacou Inés Rey.
Dende o Goberno tamén subliñaron o apoio para a candidatura da Coruña como sede da axencia, con máis de 90 apoios asinados por parte de empresas, institucións e entidades como mostra do compromiso coa cidade. “Unha vitoria conxunta froito da suma de todos aqueles que viron na AESIA unha oportunidade para a cidade, achegando o seu gran de area para que a axencia estivera na Coruña e en Galicia” explicou Inés Rey.
A alcaldesa rematou a súa intervención lembrando que a Agencia Española de Supervisión e Inteligencia Artificial será o primeiro organismo estatal destas características na Unión Europea, adiantándose á entrada en vigor do futuro regulamento de intelixencia artificial. “Facemos referencia á nosa condición de cidade faro, a esa A Coruña vangardista e pioneira na que outras moitas cidades se teñen mirado para deseñar o seu modelo de cidade e que hoxe volve ocupar o seu sitio no mundo”, concluíu.
Dende o Goberno de España, ademais do ecosistema universitario e empresarial valoraron moi positivamente a relación entre investigación e empresa así como o impulso á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que favorecerá unha maior cooperación transfronteiriza, permitindo a creación dun hub de talento ibérico para atraer e reter talento investigador.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC