A Coruña, 19 de setembro de 2025.- O martes 23 de setembro, ás 17:00 horas, terá lugar no Cine Teatro Alfonsetti a inauguración da nova edición do Programa de Democratización do Coñecemento, impulsado pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña e dirixido a persoas maiores de 50 anos de Betanzos. Nesta edición, un cento de participantes formarán parte desta iniciativa educativa.
A Universidade Sénior, o programa universitario para maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon en marcha neste 2025 a 7ª edición deste Programa de Formación Universitaria Específico para Adultos Maiores, grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello de Betanzos. O programa desenvolverase entre os meses de setembro e outubro no Cine Teatro Alfonsetti de Betanzos. Nesta edición, participarán 100 persoas seleccionadas polo Concello de Betanzos de entre as 150 solicitudes presentadas.
O acto de inauguración contará coa presenza da alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela; a directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez, e do concelleiro delegado de Persoal; Educación, Medio Ambiente, Parques e Xardíns e Obras Públicas e Servizos, Andrés Teijo Hermida.
O programa consta de tres módulos temáticos, con sesións teóricas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, dúas veces por semana. Os módulos abordarán diversas áreas de coñecemento:
MÓDULO I: HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS
MÓDULO II: CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA
MÓDULO III: CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE
O Programa formativo rematará cunha xornada de visitas académicas e culturais na Coruña, o día 29 de outubro de 2025.
Desde a súa posta en marcha en 2018, a Universidade Sénior mantén o compromiso de ofrecer formación de calidade ás persoas maiores de 50 anos, dando resposta ás súas inquedanzas e necesidades formativas.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC