Celebración da Noite Europea das Persoas Investigadoras na ETS de Náutica e Máquinas

Como xa é habitual na E.T.S. de Náutica e Máquinas nestes últimos anos, o pasado 27 de setembro celebrouse a G-Night, Noche Europea de las Personas Investigadorast, congregando máis de 100 estudantes de institutos e FP. Un evento de divulgación científica que se celebra en diferentes cidades de Europa de forma simultánea, nun ambiente festivo, e co obxectivo de dar a coñecer o valor do traballo que desenvolven as persoas científicas.

Durante a visita, o alumnado do Marítimo Pesquero do Atlántico, IES Rosalía Mera e IES Salvador de Madariaga, puideron compartir a experiencia de navegar a bordo de diferentes tipos de buques nos avanzados simuladores dos que dispón a Escola, para poder cumprir co obxectivo dos altos estándares de formación nas súas titulacións de Grao en Máquinas Navais e Grao en Náutica e Transporte Marítimo.

Aínda que a ETSNM  teña como un dos seus obxectivos ofrecer educación e capacitación marítima de alta calidade para preparar aos seus estudantes para unha carreira gratificante dentro da industria marítima e instalacións enerxéticas, tamén conta cun currículo investigador moi amplo. No evento, tres dos seus doutorandos presentaron ao alumnado os seus proxectos, con temáticas dispares, pero todas elas vinculadas a unha especialidade, que é a mellora da eficiencia enerxética e redución de emisións contaminantes.

En primeiro lugar, José Miguel Mahía Prados abriu a presentación coa normativa e a súa evolución no sector naval, así como, unha pequena descrición sobre os combustibles alternativos que se poderán empregar a bordo. Tendo en conta o incremento da demanda de gas natural a nivel internacional, Doha Elrhoul continuou cunha exposición da posibilidade de xerar H2 a bordo de buques gaseros, os cales navegan polas nosas costas en numerosas ocasións. Para terminar, David González, un investigador da Escola cunha estreita relación co CICA (o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía), resaltou a importancia da mellora de eficiencia nos sistemas de frío industrial.

Grazas a este evento, baixo o lema «Conciencia creativa», pódese gozar dun día de coñecemento científico e creatividade nun dos seus lugares de orixe, E.T.S. de Náutica e Máquinas.

 

Síguenos en: Instagram | LinkedIn | WhatsApp