A fenda salarial

15/11/2022

 

A fenda salarial entre homes e mulleres refírese a diferenza existente entre os salarios percibidos polos traballadores de ambos sexos, calculada sobre a base da diferenza media entre os ingresos brutos por hora de todas as traballadoras e traballadores (definición da Comisión Europea). Aínda que o Día da Igualdade salarial é o 22 de febreiro, a Comisión Europea marcou o mes de novembro como día simbólico para concienciar sobre o feito de que as traballadoras ganan menos que os homes. Así no 2021 a partir do 18 de novembro as mulleres españolas non cobrarían polos seus labores profesionais en comparación cos seus compañeiros homes, cunha fenda salarial do 11,9% en 2018 e 2019.

O Estudo sobre a situación das Mulleres na Arquitectura en España do CSCAE ofrece datos sobre a situación laboral das arquitectas e sinala que nos estudos de Arquitectura en España hai unha proporción de alumnado do 50% do mesmo sexo, pero contémplase unha fenda salarial de ata o 19% entre os soldos dos arquitectos e arquitectas.

Entre os factores que provocan a desigualdade sinalar que as mulleres desempeñan traballos peor remunerados, moitas xornadas a tempo parcial, incompatibilidade co desenvolvemento profesional, teito de cristal, moito descoñecemento empresarial, etc.

A partir do 4 de abril de 2021, entrou en vigor o Regulamento de Igualdade Retributiva. Este Regulamento, propón directrices, de como levar a cabo as dúas ferramentas: o rexistro salarial e a auditoría profesional. Iso supón a revisión de todos os Planos de Igualdade. De feito a Universidade da Coruña acaba de comezar a negociación do seu III Plano de Igualdade que nos dará unha ampla visión desta empresa.

 

Susana Carballal Graña