#ConversacoaUDC

#ConversacoaUDC

A Unidade de Divulgación Científica e Radio Coruña Cadena SER presentan o proxecto #ConversacoaUDC, unha iniciativa para divulgar entre o público en xeral as actividades investigadoras da universidade.

En formato de pequenos parladoiros ao redor dun café, diferentes investigadores e investigadoras da Universidade da Coruña darán a coñecer a súa actividade nunha linguaxe non especializada para espertar a curiosidade científica, compartir a súa paixón polo coñecemento e as colaboracións con outros/as científicos/as expoñendo as actividades realizadas cos fondos que reciben.

Nese espazo queremos destacar a investigación tanto nas ciencias experimentais como nas ciencias sociais e humanidades, poñendo en valor as vocacións pola docencia e a carreira investigadora.

Esta iniciativa ten previsto realizar catro charlas ao longo dos vindeiros tres meses, que terán lugar no café Santa Cruz, na rúa Padre Feijoo, n.º 3 da Coruña.

O ciclo destas conversas comeza este xoves, día 10 de outubro, ás 19:30 horas.

A docente Concepción Sánchez Blanco, da Facultade de Ciencias a Educación, abrirá este ciclo e presentará a súa experiencia investigadora no campo das ciencias sociais investigando con nenos e nenas de curtas idades en contornos escolares. Indagará tamén sobre a relación desta actividade con aspectos vitais dos propios investigadores e investigadoras e os compromisos sociais que se adquiren nela. Reflexionará sobre a súa experiencia como coordinadora na UDC do proxecto Europeo Erasmus +: Interpreting Child-Centredness to Support Quality and Diversity in Early Childhood Education and Care dirixido por Jan Georgeson e Verity Campbell-Barr.

 A presentación do proxecto en Radio Coruña Cadena Ser pódese consultar aquí.