O panorama da sociedade actual impón a condición de dominio de idiomas e informática como premisa fundamental, en moitos casos, para o desenvolvemento dun traballo. A Universidade da Coruña dispón desta formación, no seu compromiso de facilitar e axudar na introdución laboral dos estudantes. Ademais, para que o estudante poida rendibilizar ao máximo o seu paso pola universidade, o Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa ofrece cursos de aproveitamento da aprendizaxe.
O Centro de Linguas busca proporcionarlle á comunidade universitaria unha sólida formación complementaria en linguas estranxeiras.
As linguas incluídas, actualmente, no plano de ensino son o inglés, o francés, o alemán, o italiano e o portugués. A metodoloxía de traballo, eminentemente práctica, coida tanto a expresión e comprensión escrita como a oral.
Alén diso, o plano de ensino do centro complétase con cursos de galego e de español dirixidos ao estudantado de mobilidade Erasmus.
Trátase de dar a formación e o asesoramento necesarios para os procesos de ensino e aprendizaxe atendendo aos cambios do sistema educativo resultado da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. O alumnado pode optar ao Plano de apoio á aprendizaxe en que, segundo as súas necesidades, se ofrecen cursos de técnicas de estudo, internet como apoio á formación, técnicas de relaxación, traballo en grupo, exposición oral e escrita ou habilidades sociais.
Oficina de Cursos e Congresos (OCC)
A Oficina de Cursos atende á comunidade universitaria na oferta de cursos, congresos, xornadas, ciclos de conferencias e demais actividades deste tipo que se organizan dende a UDC, informándoa e subvencionando economicamente e con material de promoción e divulgación da UDC a súa realización.
Servizos de Apoio á Investigación (SAI)
Os Servizos de Apoio á Investigación están compostos por un conxunto de servizos especializados capaces de prestaren apoio á investigación científica, técnica e humanística, e cunha dotación instrumental, técnica e de recursos humanos que, ben polas súas características propias ben polo ámbito da súa aplicación, superan as necesidades dun centro, departamento ou instituto universitario.