Retratos, círculos e outros pictoralismos

De Eduardo Hermida

Do 12 de decembro de 2018 até o 26 de xaneiro de 2019

 

Eduardo Hermida procura nesta exposición un diálogo entre a pintura matérica e a fotografía, unha conclusión á que chega despois de camiñar na linguaxe do Pop Art durante os últimos 25 anos. O círculo como simbolismo representativo da eternidade, a plenitude e o absoluto é o eixe sobre o que xira a mostra creando unha coherencia expositiva que une cada obra coa anterior.

A relación do artista co seu espazo vital (o barrio) é un elemento fundamental no seu traballo. A intervención artística As Meninas de Canido foi a mellor mostra do amor que profesa o autor polo que el considera A súa patria. Unha intervención que puxo o nome de Ferrol entre os mellores festivais de arte urbana ao reunir máis de 1.200 artistas entre os anos 2008 e 2018.

O termo dado por Luis Rapela ao concepto Estudiobarrio define a espiritualidade do obradoiro do artista en que se unen esa dependencia cara ao barrio en que vive, as súas xentes e o día a día, co oficio de pintor nese espazo máxico que é o seu estudio.

Unha exposición en que Hermida acada a plenitude da súa condición de “poliartista” onde a música, a pintura, a escultura e a fotografía forman un só corpo e nos describen a arte e o oficio que moldea a súa figura facendo da vida a súa propia obra.

Fotografía pictoralista

Chámase pictorialista a unha imaxe na que o contido importa menos que seu atractivo estético.

O sentimento de ir na contra do tradicional e dar ao artista liberdade é o legado diste movemento. Distánciase da realidade para que as súas fotografías sexan só imáxens e non unha mera reprodución da realidade.

Pintura matérica

Un tipo de creación plástica na que artista e observador prestan atención preeminente ao material e non a seu significado ou mensaxe.

O círculo é unha figura lineal que non ten principio nin fin; simboliza a eternidade, a plenitude e o absoluto.

 

Comisario: Luis Rapela. Madrid
Maquetación: Spela Trobec. Eslovenia
Fotografias: Jorge Meis. Ferrol
Textos: Marta Corral. Ferrol

 

Logo Deputación