Bases e criterios

Difusión:

A difusión do Plan de Apoio á Aprendizaxe faise por dobre vía: a través das listaxes de correo da UDC e a través da web do CUFIE. 

Datas de realización: 

Os cursos terán lugar entre novembro de 2024 e abril de 2025, nas datas indicadas no programa de cada un dos cursos.

Lugar de realización:

Os cursos realizaranse nos aularios do CUFIE no Campus da Coruña ou, de ser o caso, nunha ubicación específica da que se informará en cada curso en concreto.

Destinatarios:

Alumnado da Universidade da Coruña das titulacións de grao, mestrado e titulacións en extinción.

Preinscrición:

A preinscrición realizarase a través de formularios electrónicos na web do CUFIE, dentro dos prazos establecidos, sinalados en cada unha das quendas correspondentes a cada mes.

Os horarios dos prazos de preinscrición que se establecen serán dende as 10:00 horas da primeira xornada ate as 14:00 horas da última sinalada en cada unha das quendas.

Confirmación da admisión: 

A preinscrición non implica estar matriculado no curso por mor do límite de prazas. A confirmación da admisión en cada curso comunicarase por correo electrónico ao enderezo que facilitará a persoa interesada no formulario de preinscrición. Posteriormente exporanse as listaxes na web do CUFIE.

Para que un curso poida celebrarse ten que haber un mínimo de 15 participantes.

Anulación de inscrición:

Toda aquela persoa que non puider asistir o curso en que sexa admitida, debe comunicalo ao CUFIE, para avisar outra persoa interesada da lista de agarda.

O prazo de notificación da renuncia ao curso é de 3 días lectivos antes do inicio do curso e terá que ser enviada, por correo electrónico á dirección administracion.cufie@udc.es.

Debido á grande demanda dos cursos, cunhas listaxes de agarda longas, a persoa que non asista a un curso ou non notifique a súa falla nos prazos establecidos, pasarán automáticamente ao final das listaxes de agarda e só poderán realizar os cursos no caso de que queden prazas libres. 

Certificación dos cursos:

A participación de proveito en cada curso implica a emisión dun certificado expedido pola Universidade da Coruña, asinado polo vicerreitor de titulacións e internacionalización e o director do CUFIE.

Os certificados enviaranse por correo electrónico á conta de correo corporativo da persoa interesada.

Para que a participación sexa considerada de proveito terase a obriga de asistir un mínimo do 85% do curso e superar as tarefas asignadas (no caso das actividades formativas en modalidade semipresencial o 85% de asistencia aos seminarios en liña compútase do total de número de horas do curso).

Nas titulacións de grao recoñécese un crédito por cada 20 horas de formación no CUFIE (2 cursos) ate un máximo de 3 créditos por curso académico. Os estudantes interesados solicitarán o recoñecemento perante a Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización indicando a actividade e o período de asistencia. O/a vicerreitor/a acreditará mediante unha certificación a realización efectiva da actividade.