Normativa relacionada

Artigo 8. Funcións da coordinación de titulación

e) Coordinar e supervisar o proceso de elaboración e revisión das guías docentes das materias da titulación e velar pola súa adecuación á memoria de verificacióndo título, á normativa vixente da UDC e ás indicacións ou recomendacións que formule a vicerreitoría con competencias en materia de organización académica ou que resulten dos procesos internos e externos de avaliación e seguimento.

f) Durante o proceso de elaboración e revisión das guías poderanlle dar indicacións ou recomendacións, así como solicitar aclaracións ou propoñer modificacións, de xeito xustificado, á persoa responsable da coordinación da materia, que deberán ser atendidas dentro dos prazos oficiais establecidos pola UDC.

g) Verificar que as modificacións propostas á persoa responsable da coordinaciónda materia foron incorporadas correctamente e validar e publicar as guías docentes –unha vez confirmada a súa coherencia global– para a súa aprobación posterior polos órganos responsables. No caso de incumprimento ou discrepancias non resoltas, trasladaranlles a incidencia ao centro e aos departamentos implicados na docencia, como órganos competentes e responsables da aprobación final e publicación das guías docentes, por medio dun informe ou relación das materias afectadas e das incidencias de que se trate, co fin de facilitar a súa revisión polos órganos correspondentes.

 

Artigo 9. Funcións da coordinación de materia

b) Coordinar co resto do profesorado implicado a elaboración da guía docente da materia e asegurar que o seu contido se axuste ao disposto na memoria de verificación do título e na normativa vixente da UDC. Durante o proceso de elaboración e revisión das guías deberá incorporar, de forma coordinada co profesorado, as indicacións ou recomendacións recibidas pola persoa coordinadora da titulación. As solicitudes de aclaración ou modificación que esta lle formule de xeito xustificado deberán ser atendidas dentro dos prazos oficiais establecidos pola UDC. Unha vez finalizada e consensuada a guía docente, corresponderalle á persoa coordinadora de materia revisar a súa coherencia global e remitirlla á coordinación de titulación para a súa validación definitiva e publicación.

c) Velar polo cumprimento dos compromisos adquiridos na guía docente durante o desenvolvemento da docencia e informar das posibles desviacións.

Ver normativa

Artigo 11. Guías docentes
1. As guías docentes das distintas materias dos plans de estudos serán sinxelas, directas e doadamente comprensibles, e deberán especificar e describir claramente os seguintes elementos:
a) Os contidos e as actividades formativas, indicando claramente para cada actividade: as horas de dedicación da actividade; as horas de interacción estudante/profesorado, que engadidas ás horas de traballo autónomo totalizarán as horas de dedicación da actividade; e o número de horas presenciais e virtuais, que sumarán as horas lectivas ou interactivas da actividade.
b) Os recursos materiais que necesitará o/a estudante para o seguimento da materia, así como as fontes de información recomendadas.
c) Os procedementos e as canles de comunicación que serán utilizados no desenvolvemento da materia.
d) Os procedementos establecidos para levar a cabo as actividades de seguimento e titorización.
e) Os métodos de avaliación, indicando claramente os que son presenciais e os que se poden realizar virtualmente.

Ver normativa

1. Esta instrución ten por obxecto aprobar o Catálogo de actividades formativas, metodoloxías docentes e sistemas de avaliación para o desenvolvemento do ensino na UDC, que se incorpora como anexo I a esta instrución.
2. O catálogo será de uso obrigatorio:
a) Na elaboración das memorias de verificación de novos títulos oficiais de grao e mestrado da UDC, así como nas súas modificacións substanciais.
b) Na elaboración das guías docentes das materias que integran os plans de estudo, en que se seleccionarán as metodoloxías específicas incluídas no catálogo, sempre que estas estean vinculadas coas metodoloxías xerais recollidas na memoria de verificación vixente.

Ver normativa

De acordo co capítulo IV da normativa de dedicación ao estudo, a dispensa académica de asistencia é unha autorización que exime o estudantado de grao ou mestrado da obrigatoriedade de asistir ás actividades formativas síncronas presenciais ou virtuais, cando concorra algunha das causas recollidas no artigo 6 da dita normativa, e sempre que sexan susceptibles de ser dispensadas segundo o que dispón nos artigos 11 e 12 da dita normativa.   

Nas guías docentes habilitouse o apartado 5.4 que ten que incluír: 

  • A relación de metodoloxías docentes e actividades formativas síncronas susceptibles de dispensa académica, así como as adaptacións previstas para estas actividades, se procede. O sistema de avaliación aplicable ao estudantado con dispensa concedida, tal e como recolle a normativa (artigo 14.5), permitirá acadar a cualificación máxima prevista na materia. 
  • Se ningunha actividade da materia é dispensable, debe indicarse expresamente. Téñase en conta que, segundo o artigo 12.3, deberase contar cun informe xustificativo desta circunstancia emitido pola comisión con competencias académicas que determine cada centro.

Desde a Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización elaborouse un resumo práctico para o profesorado sobre a dispensa académica.

Ver normativa