A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses de Alumni UDC, de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral. So poderán formar parte de ela os asociados de número.
A Xunta Directiva estará formada por un número de membros que a Asemblea Xeral determinará. Entre eles escóllese quen ocupa a presidencia, a vicepresidencia, a secretaría e a tesourería da asociación; os demais membros serán vocais.
O presidente, que á súa vez será presidente da Asociación, non terá vínculo laboral coa UDC. Na medida do posible, a través dos seus membros, estarán representadas na Xunta Directiva diferentes áreas da práctica empresarial.
A elección dos membros da Xunta Directiva realízaa a Asemblea Xeral, mediante sufraxio libre e secreto, por un prazo de catro anos.
Xunta Directiva Provisional (2020-2021)
Francisco Manuel Servia Fiuza
Presidente
Enxeñeiro Informático pola Universidade da Coruña e MBA pola Escola de Organización Industrial en Madrid. En termos profesionais, Francisco Servia forma parte do equipo de Amazon en España, onde desenvolve a súa actividade profesional desde o ano 2013, sendo un dos empregados máis antigos de Amazon no país. Na actualidade é responsable de produto para compras por voz a través de Alexa, o asistente intelixente de Amazon. En paralelo, Francisco é tamén conferenciante e profesor en diferentes escolas de negocios para programas de MBA e Executive Education.
Pilar Díaz Tapia
Vicepresidenta
Licenciada en Bioloxía e Doutora pola Universidade da Coruña. Nesta universidade desenvolveu boa parte da súa carreira profesional, aínda que actualmente é investigadora post-doutoral no Instituto Español de Oceanografía. Os seus proxectos céntranse no campo da Bioloxía Mariña, máis concretamente no estudo da diversidade das algas mariñas, como esta diversidade evolucionou durante a historia da Terra e como as algas interaccionan entre elas e co medio en que habitan.
Marcos A. López Suárez
Secretario
Licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña, na actualidade Marcos A. López Suárez é Profesor Titular de Dereito civil na citada Universidade, na que imparte docencia desde o ano 2004. Como investigador é autor de numerosas publicacións –centradas no Dereito de sucesións e no Dereito de familia-, participou periodicamente en proxectos financiados en convocatorias competitivas e realizou estancias en prestixiosos centros internacionais como o Instituto Suízo de Dereito Comparado, a Universidade de Bolonia ou o Instituto Max- Planck de Hamburgo. Así mesmo, preocupado pola práctica do Dereito, foi colaborador do Instituto Galego de Consumo, membro da “Corte Arbitral de Galicia” e de 2011 a 2017 Xuíz substituto –na orde xurisdicional civil– nos Xulgados de Primeira Instancia da provincia da Coruña.