Responsable de Igualdade de Xénero

 

Representante da Oficina para a Igualdade de Xénero (OIX) na Facultade de Dereito

 

A representante da OIX xorde para dar resposta a unha medida do II Plan de igualdade da UDC co obxectivo de desenvolver propostas para orientar a actividade das facultades ou centros da Universidade da Coruña en materia de igualdade. Para logralo, a Representante colaborará coa OIX na potenciación de accións específicas relacionadas co principio de igualdade, que se leven a cabo para a comunidade universitaria da UDC.

A función fundamental da representante da OIX no centro será facer de canle de comunicación entre a OIX e o centro e viceversa. Para o desenvolvemento desta función fundamental deberá:

1. Difundir entre o profesorado, persoal de administración e alumnado –así como na sociedade en xeral– as políticas de igualdade promovidas pola OIX.

2. Recoller iniciativas do profesorado, o persoal de administración e o alumnado para realizar actividades que promovan a igualdade dentro das facultades, centros ou na UDC no seu conxunto e que lle serán propostas á OIX.

3. Colaborar coa Oficina na difusión das actividades de formación en igualdade de xénero a toda a comunidade universitaria, dende os equipos de goberno e cargos de dirección ata o alumnado, pasando polo PDI e o PAS.

4. Informar a OIX das situacións de discriminación, desigualdade entre homes e mulleres ou agresións machistas das que se teña coñecemento e que afecten a algunha persoa da comunidade universitaria (PDI, PAS ou estudantado) para que a OIX tome as medidas pertinentes dentro da normativa vixente.

5. Propoñer ás facultades ou centros da UDC bibliografía recomendada segundo as titulacións impartidas para incorporar nas guías docentes a presenza de autoras e de recursos bibliográficos sobre xénero e igualdade.

6. Propoñer para a valoración por parte da OIX da UDC cursos sobre perspectiva de xénero para alumnado de todas as titulacións da facultade ou centro da UDC.

A actual representante da OIX na Facultade de Dereito é a profesora Jennifer Sánchez González (j.sanchezg@udc.es). Estará a disposición da comunidade universitaria da Facultade de Dereito para recibir suxestións, resolver dúbidas e realizar as funcións que lle foron asignadas pola OIX.