Éxodo

Passport (c) Under the sea

A principios do século XXI, 41 millóns de persoas atopábanse en situación de desprazamento forzado en todo o mundo. Dezasete anos despois, o documento de ACNUR “Tendencias Globales 2016” pon de manifesto que, a finais dese ano, aproximadamente 65,6 millóns de persoas eran vítimas do desprazamento forzado polos conflitos, a persecución, a violencia ou as violacións dos dereitos humanos. A cifra máis elevada xamais rexistrada. Isto supón un arrepiante incremento de case 25 millóns de persoas no que vai de século XXI, das cales máis do 50 % son menores de idade.

A resposta dos países de acollida foi moi diferente e diversa. En particular, a da Unión Europea, potenciada pola Declaración UE-Turquía do 18/03/2016, levou os solicitantes de asilo a arriscar as súas vidas e chegar por medios irregulares en busca dun futuro. A omisión de responsabilidades e a indiferenza provocou que, desde o primeiro momento, a sociedade civil sexa a promotora dunha resposta necesaria por parte da cidadanía para paliar as deplorables condicións que soportan os desprazados.

Con todo, tras varios anos de mobilización social, a incidencia política e o traballo de miles de persoas e asociacións, aínda hoxe existen miles de familias retidas en campos de refuxiados e pasos fronteirizos en condicións máis que precarias.

O labor de sensibilización e visibilización é, se cabe, máis necesario agora que este feito perdeu presenza nos medios de comunicación, os cales apenas se fan eco das terribles condicións que aínda soportan todas as persoas atrapadas. Máis que nunca consideramos necesario incidir na concienciación desta realidade oculta e a historia silenciada de todas as súas vítimas.

Neste sentido, ÉXODO pretende poñer o foco de atención neste movemento migratorio, na intervención e respostas por parte dos diferentes países e as súas consecuencias e, sobre todo, nas vivencias e perspectivas das persoas afectadas.

Entre 2013 e 2018 os responsables deste proxecto realizaron labores de colaboración con organizacións humanitarias, visitas de identificación e labores de visibilización en campos de refuxiados e rutas de tránsito en Xordania, Líbano, Macedonia, Croacia, Eslovenia, Serbia, Hungría, Grecia, Austria e Francia.

Partindo dunha dimensión acorde cun dos maiores éxodos migratorios da historia, que superou por primeira vez as cifras de persoas desprazadas desde a Segunda Guerra Mundial, o proxecto aspira contribuír á información que a cidadanía posúe sobre a problemática do refuxio e o desprazamento forzoso, á vez que realizar unha campaña de visibilización e sensibilización da devandita situación.

Patricia Muñiz, Cristina Botana e Rocío Botana
Comisarias da exposición

Apertura o 16 de maio

Peche o 26 de xullo

Actividades complementarias

As comisarias de ÉXODO ofrecen visitas guiadas de balde para que as persoas interesadas poidan coñecer o que se agocha detrás das historias reflectidas na exposición.

Tamén haberá conferencias con expertos para concienciarnos máis ao fondo sobre esta dramática situación no Cubo da Normal.

5 de xuño

Ás 18h. Visita guiada.
Ás 19h.
Conferencia na Sala Cubo:

"Refugiados, inmigrantes y sujetos etno-raciales del Imperio"

Con Ramón Grosfoguel da Universidade de California.

Ás 20h. Conferencia na Sala Cubo:

"Refugiados no próprio país: mudar o sistema, não mudar o clima"

Na conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente con Marcos Sorrentino e Simone Portugal da Universidade de São Paulo.

20 de xuño

Ás 19h. Visita guiada.
Ás 20h.
Conferencia na Sala Cubo:

"Rohingya: una limpieza étnica de manual"

Na conmemoración do Día Mundial do Refuxiado con Ari Chas (documentalista).