I Convocatoria para a elaboración de MOOCs da UDC

A Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, en
colaboración co Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), vén poñendo en
marcha  nos últimos anos diversas accións tendentes a impulsar actividades de innovación educativa entre o
seu profesorado. Nesta liña de acción e co obxecto de continuar respondendo aos
obxectivos recollidos no Plan estratéxico 2013-2020 da Universidade da Coruña,
concretamente aos relativos á innovación, a docencia e a aprendizaxe e a proxección
internacional da nosa institución, publícase hoxe en sede electrónica a  I Convocatoria para a elaboración de cursos
masivos abertos en liña (MOOCs) da Universidade da Coruña.

Os cursos MOOC, de acordo coas súas siglas en inglés Massive Online Open Courses, son
cursos baseados nos principios de gratuidade, masividade e ubicuidade que posúen unha
estrutura orientada á auto/coaprendizaxe do alumnado destes cursos, con materiais
didácticos e estratexias de avaliación característicos, así como un número ilimitado de
participantes con acceso libre e gratuíto a eses materiais.
Desta maneira, os MOOCs constitúen unha clara oportunidade para as institucións
universitarias públicas de contribuíren ao coñecemento libre, aberto e accesible a toda a
sociedade. Consciente diso, a Universidade da Coruña vén de asinar un convenio de
colaboración con MiríadaX, a plataforma de MOOCs máis importante a día de hoxe no
ámbito iberoamericano, que permitirá aloxar os cursos resultantes desta primeira
convocatoria.
Concretamente, aprobarase un máximo de 5 propostas de cursos MOOC destinados a
seren impartidos a través da plataforma MiríadaX ao longo do próximo ano 2018.

 

Toda a información dispoñible na seguinte ligazón á sede electrónica:

 

I Convocatoria para a elaboración de MOOCS da Universidade da Coruña

Descarga do Anexo I para a presentación de propostas AQUÍ.