Obxectivos xerais

 Dende a ADI, orientamos as nosas liñas de intervención cara aos seguintes obxetivos xerais:

  • Velar polos dereitos do alumnado e persoal con necesidades físicas, comunicativas, educativas, sociais e laborais especiais ou minorizadas polas tendencias maioritarias da sociedade. Estas necesidades poden proceder da discapacidade ou da vulnerabilidade particular a procesos de discriminación asociados a orixe étnico-cultural, usos lingüísticos, xénero, orientación sexual, situación socio-económica desfavorecida, etc.
  • Facilitar o acceso á Universidade do alumnado e persoal con necesidades específicas ou especiais, así como optimizar a súa posterior integración na vida universitaria para potenciar a participación en igualdade de condicións fronte á poboación universitaria maioritaria e á sociedade en xeral.
  • Favorecer non só a integración senón a autonomía dos membros da comunidade universitaria con necesidades especiais. Isto implica emprender un amplo conxunto de actuacións para fomentar, de maneira simultánea, a cooperación e a máxima autonomía persoal posible na toma de decisións, nos desprazamentos, na adquisición de información e no desenvolvemento dos coñecementos. Así mesmo, implica colaborar na promoción da vida independente (todo un movemento social que está a gañar forza nos últimos anos) das persoas con discapacidade.
  • Difundir información entre todos os sectores da comunidade universitaria sobre a situación das persoas con necesidades especiais, para sensibilizar e fortalecer valores, actitudes e comportamentos non discriminatorios.
  • Asesorar nas posíbeis adaptacións pedagóxicas, arquitectónicas e comunicativas necesarias para afianzar a igualdade de oportunidades nos procesos de adquisición e desenvolvemento dos coñecementos e tarefas tanto académicos como laborais na Universidade.
  • Axilizar o proceso de eliminación progresiva das barreiras arquitectónicas e comunicativas existentes en todos os campus e instalacións da Universidade.
  • Dinamizar as vías e redes de comunicación en todos os ámbitos: tanto no sistema universitario como fóra del. A comunicación fluída e aberta favorece a mellora continuada na detección de necesidades e a prestación de servizos.
  • Formar en temas relacionados coa diversidade e a integración social.

Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000

dominio .gal