ORCID

Que é?

ORCID é unha organización sen ánimo de lucro que ofrece un sistema para a identificación inequívoca dos investigadores (baseada nun identificador e perfil) ademais dun método transparente para vincular as actividades de investigación que actualmente se está a postular coma o novo DNI dixital dos científicos.

Ademais do código identificador de 16 díxitos, ORCID facilita unha páxina web (perfil) a todos os investigadores rexistrados onde o autor pode ir reunindo a súa produción científica nun currículo académico e profesional.

As publicacións en ORCID aliméntanse da sincronización a través de APIs con algunhas plataformas (Researcher ID, Scopus ID) e da entrada manual de información por parte do investigador a través do módulo “Agregar” que permite Buscar e enlazar en algúns recursos (CrossRef, The Lens…), engadir través do DOI ou PubMed, importar un arquivo BibTex ou engadir manualmente.​

Ademais, na columna esquerda pódese enlazar a outros perfís (Dialnet, GS, o Portal da Investigación, web persoal do autor ou grupo de investigación, redes sociais académicas, etc…)

Aquí podedes consultar un exemplo de rexistro ORCID.

 

Como se obtén?

Calquera autor pode crear unha conta dende a páxina de ORCID, de forma libre e gratuíta e conseguir en menos dun minuto o seu identificador. De todas maneiras, animámosvos a encher o voso perfil co máximo cuidado e detalle posible (biografía, filiación, correo electrónico, links a outros perfís, palabras chave, cada un dos apartados...). Consultade a infoguía da UDC sobre ORCID para sacarlle o máximo partido.

 

Vantaxes

  • É un proxecto independente a calquera produto ou empresa comercial (a diferencia de ResearcherID, Scopus Author ID ou Google Scholar).  Trátase dunha organización sen ánimo de lucro que recibe o apoio e parabéns dos principais axentes do mundo académico (editoriais, organismos de avaliación, institucións), o que lle confire ao identificador un carácter universal.
  • A filosofía de ORCID baséase na apertura de datos e a interoperabilidade con outros sistemas. O obxecto non é só crear un identificador numérico, senón permitir a súa integración cos sistemas de información das editoriais, bases de datos, institucións, organismos de avaliación, repositorios institucionais, etc.
  • Neste mesmo senso, ORCID pódese sincronizar con outros identificadores coma ResearcherID (WoS) e Scopus Author ID, o que facilita a actualización conxunta dos rexistros.
  • O respecto pola privacidade e a protección de datos. O autor ten tres niveis distintos de privacidade cos que configurar calquera dato do seu perfil (público, parcialmente restrinxido, privado).
  • Facilita a importación semiautomática de publicacións ao rexistro ORCID dende plataformas coma CrossRef, PubMed, Scopus, Mendeley, etc.
  • ORCID permite seleccionar ata 37 tipoloxías de publicacións, incluídas obras de creación e artísticas (por exemplo, pódense incluir coreografías).
  • O seu uso cada vez máis extendido. Por exemplo, Wellcome Trust, a principal axencia de financiamento á investigación en UK esixe o seu uso dende o pasado agosto de 2015. Por outra parte, máis de 1.000 revistas en EEUU xa traballaban en 2014 con ORCID para o envío e xestión de manuscritos. Espérase que en poucos meses o seu uso se xeneralice tamén nos repositorios institucionais e noutras bases de datos.
  • O autor pode autorizar a outros usuarios (bibliotecas, editoriais...) para a edición e actualización do seu rexistro.

 

Limitacións

  • Non aporta indicadores bibliométricos do investigador. Para visibilizar o seu impacto o autor terá que votar man doutras ferramentas como ResearcherID (se ten obras indexadas en WoS), Scopus Author ID (se ten obras indexadas en Scopus) ou Google Scholar Citation. De todas maneiras, ao poder sincronizar os identificadores, existe a posibilidade de configurar o perfil de ORCID para que calquera poda ter acceso as estatísticas de impacto do autor nun só clic.
  • A pesar de que ORCID se integra cunha grande cantidade de bases de datos, editoriais e sistemas, o investigador ten que engadir manualmente unha parte dos datos no seu perfil e preocuparse da súa actualización.

 

Que pode facer a Biblioteca por ti?

Dende a Biblioteca ofrecemos un servizo de asesoría personalizado: axuda para a creación de rexistros, sincronización con outros identificadores, etc.

Contacta coa Biblioteca.

Ext: 1509,1517.

biblioteca.dereito@udc.es